Escoitar

Declaración do Concello de Vigo ante a morte de Juan Carlos Beiro

mércores, 25 set 2002
imx1794.jpg
Corporación municipal

Ningunha boa persoa xustificará nunca accións como a que hoxe volvemos ollar con espanto. Ningunha mente racional poderá entender os argumentos que os fanáticos esgrimen para acabar coa vida doutros. A ese desconcerto que causa en nos este comportamento aberrante só podemos responder coa firmeza da nosa total condena.

Fronte a tolería e covardía dos asasinos volvemos concentrarnos hoxe aquí: e farémolo sempre que sexa necesario para reafirmar a nosa absoluta defensa dos dereitos humanos e os valores democráticos. A chamada á tolerancia e ao diálogo fronte á violencia estará sempre nas nosas bocas, porque esa é a única arma que se debe utilizar entre persoas que aspiran a convivir en paz nunha sociedade de progreso.

Esta mañá compartimos con todos os demócratas un sentimento de inmenso pesar polo falecemento de Juan Carlos Beiro. Coa súa familia e achegados está o noso pensamento e a eles querémoslles transmitir a nosa solidariedade.

O pobo de Vigo nunca vacilou á hora de demostrar a súa total repulsa á utilización da violencia como instrumento político. Estamos convencidos de que así o seguirá facendo mediante a participación nos actos que serven ao mesmo tempo como manifestación de condena dos atentados terroristas e como mensaxe a prol da paz. Neles nos encontraremos ata que remate esta lacra que tenta minar a nosa sociedade. Nunca poderán impoñernos a súa vontade mediante a violencia.


Vigo, 25 de setembro de 2002
Descargar todas as imaxes