Escoitar

Xuventude organiza tertulias destinadas a pais de adolescentes

venres, 18 out 2002
imx1888.jpg
Soares e Domínguez
O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou unha campaña dirixida por especialistas en adolescencia destinada a pais e nais que precisen orientación sobre a prevención do consumo excesivo de alcohol e outras drogas. Os interesados poderán asistir a tertulias nas que recibirán información sobre o tema de maneira gratuíta.

”O Concello pon a disposición dos pais un instrumento para compartir experiencias e poder recibir asesoramento para tomar conciencia da problemática que rodea á xuventude e ter unha pauta sobre o camiño máis adecuado na súa educación”, sinalou Santiago Domínguez.

Trátase de crear un foro de intercambio de experiencias e de universalizar problemas particulares, dentro dunha política xuvenil encamiñada a entender a mocidade contando coa súa participación. Con estas tertulias reforzarase o núcleo familiar como complemento ás medidas alternativas de lecer adoptadas.

Estas charlas impartiranse na Casa da Xuventude o 29 de outubro, 5, 12, 19 e 26 de novembro e 3 de decembro ás 19:00 horas por membros da Asociación Abstemia. O presidente deste colectivo, Mario Soares, sinalou o labor de prevención, educación e información para chegar a un diálogo distendido cos adolescentes. ”Preténdese que os pais saiban cáles son os factores de risco para evitar conflictos e a radicalización das medidas”, dixo.

Liña de actuación

A Concellería presenta así unha nova liña de accións de cara á prevención do consumo do alcohol e doutras drogas, esta vez centrada na preparación dos pais e nais nas súas relacións cos fillos, xa que de pouco serven as mensaxes dirixidas a eles, cando no seo familiar non se reforzan con actitudes positivas e bos exemplos.

Os técnicos son conscientes de que moitos pais se atopan nunha encrucillada cando ven cómo outros factores alleos á familia van determinando maneiras de actuar dos seus fillos ou fillas. Esta é a resposta que se pode dar á súa demanda: información e formación para que saiban cómo aproximarse a eles.

Nesta primeira experiencia, as tertulias confórmanse en seis sesións, unha cada semana, de duas horas. As sesións, dirixidas por persoal especializado, combinarán actividades individuais, en grupo pequeno e en grupo total.

As técnicas que se utilizarán nas tertulias responden á estructura de dinámica de grupo: discusións, exposición de casos, ´role playing´, panel, dramatización, proxeccións... e outras técnicas individuais para traballar en grupo, así como técnicas para tomar decisións por consenso e para resolver conflictos e problemas.

Cada sesión rematará coa entrega dun manual no que se conterá información sobre os asuntos tratados na mesma. Ao final, os participantes avaliarán o contido e o decurso da sesión.

A información que se aportará vai dirixida a todos aqueles pais e nais que se sintan interesados en recibir información de xeito activo coa finalidade de axudalos a facerlle frente a factores de risco, como fomenta-la seguridade, axudar a madurar, ofrecer sistemas de autocontrol, establecer lazos sociais e familiares e actuar no contexto.

Tamén se persegue adestrar na resolución de conflictos, cómo actuar ante situacións frecuentes en moitas familias nas que os fillos comezan a fumar, chegan bébedos á casa ou atopar sustancias estupefacientes. Incluso tratarán cómo afrontar situacións evidentes de toxicomanías, cómo mellorar en xeral a relación entre pais e fillos, e cómo mellora-la comunicación humana.

Co proxecto de tertulias de pais e nais preténdese que os responsables da educación dos fillos coñezan as adiccións e tamén o modo de enfrontarse a elas mediante estratexias de prevención, para o que hai que interactuar tanto no entorno familiar como no escolar e social do mozo ou moza.

Este proxecto da Concellería de Xuventude ofrece unha orientación integral no tema das adiccións, ademais do asesoramento familiar adecuado sobre cómo actuar contra ou fronte a este tipo de problemas.

Os participantes poderán recibir asesoramento social, xurídico, laboral e psicolóxico para actuar directamente sobre os sectores sociais sobre os que o mozo interactúa diariamente.

Perséguese a prevención das adiccións e a disminución directa do número de adictos, de tal maneira que se reduza o número de mozos que chega aos tratamentos ambulatorios.

Obxectivos

Os obxectivos desta acción consisten en fomentar o desenvolvemento de actitudes apropiadas nos pais e nais que asistan, de tal xeito que poidan aplicalas directamente nas súas familias. En concreto, perséguese:

-Promover activamente hábitos de vida saudables, e unha cultura da saúde que inclúa o rexeitamento ao consumo de alcohol e outras drogas, así como a solidariedade e a toletancia, apoio e asistencia ás persoas con problemas.

-Considerar as drogodependencias e outros trastornos adictivos como enfermidades comúns con repercusións nas esferas biolóxica, psicolóxica e social da persoa.

-Informar sobre substancias e conductas que poidan xerar dependencias, así como das consecuencias que poidan acarrear o uso ou abuso das mesmas.

-Educar para a saúde e orientar os país e nais nese sentido.

-Modificar actitudes e comportamentos dos pais e nais a respecto das drogodependencias, xerando unha conciencia social solidaria e participativa.

-Intervir sobre os factores de risco individuais, familiares e sociais asociados ao consumo de drogas ou conductas adictivas.

-Dotar ás familias das habilidades necesarias para afrontar os problemas, ofrecéndolles a axuda suficiente para superar as súas necesidades e favorecendo unha mellor relación entre os seus membros.

-Axudar a manter formas non violentas de resolución de conflictos familiares, ofrecendo modelos de funcionamento familiar máis democráticos, propugnando cambios nos contextos de risco.

-Optimizar as destrezas, habilidades e recursos personais dos pais na relacion cos seus fillos.

-Informar sobre os sistemas de apoio.
Descargar todas as imaxes