Escoitar

Aberta a inscrición para as “IV Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas”

venres, 18 out 2002
O prazo de inscrición de agrupacións para as IV Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas permanecerá aberto ata o 25 de outubro do 2002. A iniciativa, organizada pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural e a asociación cultural “Interfolc”, desenvolverase no Centro Cultural Caixanova, os días 9, 10 e 16 de novembro.

O comité organizador seleccionará entre todas as solicitudes recibidas un total de 12 agrupacións segundo criterios como a calidade do grupo, experiencia nacional e internacional, participación noutros certames ou festivais, número de compoñentes...

As formacións participantes haberán comporse necesariamente de corpo de baile e grupo de acompañamento. Cada unha delas bailará dúas danzas, cunha duración máxima de 5 minutos por peza. A orde de actuación decidirase mediante sorteo público o martes 31 de outubro do 2002. Outorgaranse nove premios, o primeiro deles de 1.500€, medalla e diploma.

A inscrición poderá realizarse ata as 13:00 horas do día 25 de outubro do 2002, cubrindo o impreso de solicitude que se pode recoller na Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo, en horario de luns a venres, de 10 a 12 horas e de 19´00 a 22´00 horas ou descargándoo en pdf da web municipal, na que aparecen as bases completas. As solicitudes poderán entregarse persoalmente ou ben remitilas por correo ou fax á citada escola (praza do Rei, s/n: CP 36202: teléfono/fax: 986.81.01.67). Non se admitirá ningunha solicitude que se reciba con posterioridade á hora e data indicadas, calquera que sexa o motivo do atraso.

BASES E IMPRESO DE INSCRICIÓN