Escoitar

Triplicouse a imposición de sancións urbanísticas nos últimos anos

xoves, 17 out 2002
O Concello de Vigo incrementou as inspeccións e os expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas ata case triplicar o número de multas respecto ás que se impoñían antes do ano 2000. No pasado exercicio impuxéronse sancións por valor de 184.640 euros, cando a media no período 1997-2000 foi de 64.639 euros.

O número de expedientes sancionadores incrementarase de novo este ano. Ata o mes de setembro impuxéranse xa multas por valor de 196.738 euros. Segundo o concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, a administración municipal está a facer un importante esforzo para perseguir as infraccións que se cometen en materia urbanística. Paralelamente á apertura de expedientes sancionadores estase a mellorar o sistema de recadación para que se poidan cobrar a totalidade das multas impostas. No que vai de ano xa se recadou o 67% das sancións.

O Concello está pendente de que a Xunta de Galicia de o seu visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas administracións que permitirá o cobro das multas que o concello vigués impón a persoas físicas ou xurídicas con domicilio noutros municipios de Galicia. Vigo é a primeira das grandes cidades de Galicia que impulsa un convenio deste tipo.