Escoitar

Os traballadores do obradoiro de emprego Vigozoo comezan as obras da granxa-escola

mércores, 16 out 2002
imx1871.jpg
Instalacións
Os traballadores do obradoiro de emprego Vigozoo comezaron esta semana as obras de construcción dunha Granxa-escola coa que se pretende completar a oferta educativa do zoo e que estará rematada a finais do vindeiro mes de novembro, de cumprirse os prazos previstos.

Esta obra, unha das máis importantes que fará o obradoiro no seu proxecto, consistirá na construcción de dous recintos en bloques de cemento e madeira de teca e piñeiro, coa cuberta feita con tella vermella galega. Ademais, o recinto irá rodeado dunha varanda de madeira para que os visitantes poidan observa-los animais. A envergadura da obra da Granxa-escola obrigará á participación na mesma de traballadores de tódalas especialidades: albanelería, carpintería e xardinería.

A Granxa-escola contará basicamente con dúas áreas diferenciadas e separadas, dedicándose unha delas ó coidado de animais e a outra a plantacións de legumes e froiteiras. Na zona dos animais poderanse realizar actividades gandeiras, establecendo contacto directo cos animais e aprendendo técnicas tradicionais de obtención de productos como ovos e la. Os visitantes tamén terán unha participación activa na zona de vexetais, onde disporán de actividades de sementa e colleita, así como aprender técnicas tradicionais de manexo de útiles de labranza.

O Obradoiro de emprego Vigozoo é un proxecto de inserción laboral que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 636.000 €. O Concello tamén participa no financiamento cunha achega económica 120.000 €, ademais dos locais para aulas, oficinas e talleres do programa de emprego. Os obradoiros de emprego van dirixidos a desempregados con máis de 25 anos de idade, sendo a media de idade no de Vigozoo de 40 anos.
Descargar todas as imaxes