Escoitar

O Concello outorgará beneficios fiscais ás obras de rehabilitación nos barrios históricos e ás novas empresas

xoves, 17 out 2002
O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, anunciou que o proxecto de ordenanzas fiscais do Concello para o vindeiro ano incluirá bonificacións en taxas e impostos dirixidas a favorecer a rehabilitación de edificios nas zonas históricas de Vigo e ao asentamento de novas empresas na cidade. Desta maneira, o goberno municipal pretende apoiar duas das que foron as súas liñas de actuación estratéxica nos últimos anos.

O proxecto de Ordenanzas Fiscais que o concelleiro de Facenda levará ao próximo pleno da corporación incluirá bonificacións para as obras de rehabilitación dos edificios catalogados e dos situados nos ámbitos do Casco Vello e de Bouzas. Calquera obra de rehabilitación que se realice neses ámbitos verá reducido nun 75% o importe correspondente do Imposto de Construcción e tamén as taxas que se deben pagar para a obtención de licencias.

Tamén se aplicará unha reducción do 95% do Imposto de Construcción a aquelas obras que se executen en edificios preexistentes e que teñan como finalidade a eliminación de barreiras arquitectónicas.

O goberno municipal pretende tamén aplicar o vindeiro ano bonificacións fiscais ás empresas de nova creación, co obxectivo de fomentar así a actividade empresarial. Calquera sociedade que se constitúa no ano 2003 terá unha reducción do 30% no Imposto de Actividades Económicas durante os primeiros 5 anos de funcionamento. Se a actividade empresarial obtén a calificación de “proxecto de interese municipal”, esta bonificación chegará ao 50%. Ademáis, este tipo de proxectos empresariais tamén poden acadar unha rebaixa do 50% no Imposto de Construcción cando a súa implantación requira a execución de obras.

O proxecto de Ordenanzas Fiscais para o ano 2003 prevé unha actualización equivalente ao IPC calculado entre abril de 2001 e abril de 2002, un 3,6%.