Escoitar

Máis de 130 deportistas participan no Campionato europeo de patinaxe artística

martes, 10 set 2002
imx1744.jpg
Exhibición
A Concellería de Deportes patrocina o Campionato europeo de patinaxe artística e danza que se inaugura hoxe martes ás 19:00 no pavillón das Travesas. Máis de 130 deportistas de doce países participan nesta competición que remata o sábado 14 de setembro cunha gala de exhibición, ademais da entrega de medallas e trofeos.

As mellores figuras das categorías junior e senior de Italia, Francia, Alemaña, Portugal, Inglaterra, Eslovenia, Croacia, Suíza, Holanda, Bélxica, Austria e España daranse cita en Vigo para participar nas competicións individuais femininas (figuras obrigatorias, disco libre e combinada), masculinas (figuras obrigatorias, libre e combinada) e por parellas.

Os equipos técnicos e adestradores que se desprazarán ata este campionato son 50 persoas, haberá tamén 25 xuíces e calculadores e 16 autoridades españolas e estranxeiras que asistirán ao evento.

Durante a celebración do campionato, circula un autobús específico con percorrido entre as distintas sedes oficiais (hoteis nos que se aloxan as delegacións) e os pavillóns de deportes nos que se celebran as competicións. Este autobús fai tamén o desprazamento das delegacións ata o aeroporto.

No comité organizador, presidido polo alcalde Lois Castrillo, están ademais o presidente do club Carpa, Carlos Covelo: o presidente do Comité Nacional de Patinaxe, Francisco Jansá: o director técnico do IMD de Vigo, José Ángel Otero e o técnico deportivo José Ángel Lago, entre outros.
Descargar todas as imaxes