Escoitar

O alcalde amosa a súa disposición para colaborar coa Fundación Carlos Casares

xoves, 18 xul 2002
O alcalde, Lois Castrillo, amosou a súa disposición a impulsar a Fundación Carlos Casares no transcurso dunha xuntanza con Hakan Casares Berg, fillo do escritor. Vigo acollerá o próximo 9 de setembro a primeira reunión do Padroado da Fundación que se celebrará no pazo de Castrelos.

Na sesión realizarase a sinatura de adhesión dos patronos da Fundación Carlos Casares e a aceptación da condición de membros da mesma. Integrarán a fundación membros da familia, representantes dos concellos de Vigo e Ourense, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, La Voz de Galicia, Caixanova, Caixa Galicia, Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega.

O obxectivo da Fundación é promover o estudio e difusión da obra de Casares e desenvolver actividades relacionadas coa súa idea de promoción da cultura, da lingua e do galeguismo. Fomentará tamén actividades culturais e científicas de carácter xeral relacionadas cos campos de traballo e as inquedanzas do escritor.