Escoitar

O Concello investiu este ano máis de medio millón de euros para mellorar as instalacións de Samil

venres, 28 xuñ 2002
imx1612.jpg
Visita a Samil
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, presentou hoxe as melloras realizadas no contorno da praia de Samil. Castrillo explicou as diversas actuacións realizadas na zona e salientou que con elas perseguíanse dous obxectivos: ofrecer mellores servicios aos cidadáns dunha forma respetuosa co medio ambiente e rexenerar o espacio litoral.

Unha das novidades presentadas é a construcción dun paseo de xabre que enlaza Samil co Museo do Mar. A área situada entre este paseo e a praia do Tombo do Gato, ata agora ocupada frecuentemente por vehículos, será axardinada.

Outra actuación novidosa é a instalación de quioscos de madeira con servicios hixiénicos conectados á rede de saneamento. Asemade, arranxáronse as piscinas, nas que se colocaron novos valados e duchas. Tamén se instalou un sistema de megafonía que funciona con enerxía solar, o que ademáis de ser máis ecolóxico, evitou a instalación de cableado ao longo do paseo.

Outra actuación consistiu na renovación do alumeado público da avenida de Samil. As novas farolas son de aceiro e están protexidas contra a corrosión, o que garante a súa durabilidade. Ademais, as luminarias son de baixo consumo, o que permitirá un aforro notable de enerxía.

Este verán Samil contará cun servicio de salvamento e socorrismo prestado por profesionais. Tamén funciona no Vao e nas praias de Cíes e da Punta. Tamén por primeira vez, Samil estará totalmente balizada, o que contribuirá a aumentar a seguridade dos bañistas.

Durante a presentación de todas estas melloras, o alcalde explicou o proceso seguido para recuperar o sistema dunar no lugar coñecido como “cocho das dornas”. Castrillo sinalou que esta actuación servirá para recuperar alo menos unha parte da configuración orixinal do areal de Samil. No futuro, acondicionarase a zona de forma que poida seguir sendo utilizada polos paseantes sen prexudicar a formación dunar.

O alcalde referiuse tamén aos traballos para sanear a embocadura do río Lagares. “Hoxe”, dixo Castrillo, “os vigueses e todos aqueles que nos visitan teñen a garantía de que as augas de baño de Samil están en óptimas condicións, incluso na embocadura do Lagares, que outrora era un punto negro do litoral vigués”.

Lois Castrillo subliñou que dende que se construira o paseo, non se realizara un investimento desta magnitude en Samil e amosou a súa confianza en que a praia poida conseguir o próximo ano a bandeira azul.
Descargar todas as imaxes