Escoitar

Setenta graffiteros toman a pel de Vigo para decorala

venres, 28 xuñ 2002
Tatuaxes urbanas. Eso pretenden ser os murais xigantes que comezan a elaborar uns 70 mozos e mozas da cidade, que agasallan ó resto dos veciños con moito do que levan dentro: a súa expresión artística, unha plataforma que converterá a cidade nunha especie de gran galería da arte máis rabiosamente contemporánea e xuvenil.

Varios colexios da cidade, varias instalacións deportivas e 24 grandes paneis de madeira instalados no Castro serán escenario do programa de Graffiti que comeza en Vigo promovido polo Concello. É a primeira vez que se realiza en Galicia unha actividade destas características, de maneira estable e ordenada e con vocación de poñer en valor espacios e paredes que se atopaban abandonados ou en deficiente estado fisonómico.

Os colexios Igrexa Valadares, Mestre Goldar, Canicouba e a Escola Municipal de Música, serán os primeiros que comecen a pintarse nesta primeira fase da acción, que abrangue o mes de xullo e na que tamén está previsto decorar paredes na Piscina de Travesas o Colexio Santa Tegra de Teis e a Asociación de Veciños Val do Fragoso.

Algúns outros colexios públicos e privados, así como o colexio Labor e outras institucións, están programados para setembro na axenda destes mozos graffiteros.

Esta primeira fase compleméntase co pintado de varios muros no espacio xuvenil do Castro que quedaban por decorar: un lateral do edificio principal, os servicios públicos, o quiosco e un muro contiguo. Tamén decoraron duas ducias de plataformas que se instalaron naquela zona para que o medio cento de chavales expresen neles todo o que levan dentro.

Cara a fin de ano, o Concello ten a intención de editar un roteiro, para que os que o desexen poidan contempla-lo resultado deste novo xeito expresivo dos mozos e mozas da cidade. Este roteiro terá tamén unha versión virtual en internet na páxina web www.xuventudevigo.org, que se presentará proximamente.