Escoitar

Entra en funcionamento o carril bus na rúa Paulino Freire

xoves, 27 xuñ 2002
O transporte público urbano conta xa con outro carril bus, que percorre a rúa Paulino Freire, no barrio de Bouzas. Son tres as liñas que circulan por este carril bus: a Circular 3, a 10 e a 27. Ata agora todas elas tiñan que achegárense a Alameda de Bouzas a través de Camilo Veiga e Tomás Alonso, realizando dous xiros de máis de 90 graos. Co novo carril bus evítanse esas complicadas manobras e ademais gáñase tempo nas viaxes.

Ademais de habilitar un carril bus en Paulino Freire, o Concello construiu unha rotonda na confluencia desa rúa coa Avenida Atlántida e Tomás Paredes, o que contribuiu a ordenar o tráfico nun cruce que ata agora era bastante conflictivo.

O carril bus de Paulino Freire é o segundo que se pon en marcha no actual mandato. O anterior foi o da rúa Pizarro e o próximo será na Avenida de Fragoso. O Goberno municipal decidiu implantar estes carrís reservados ao transporte público para proporcionarlle máis rapidez aos autobuses urbanos e mellorar así a súa competitividade co transporte privado. Cómpre subliñar que os carrís bus tamén son utilizados polos taxis e polos vehículos de emerxencia, sobre todo no caso de Pizarro, onde a súa implantación facilitou notablemente o acceso das ambulancias ao Hospital Xeral.