Escoitar

O Concello colabora coas familias de enfermos de Alzheimer

luns, 24 xuñ 2002
O Concello de Vigo, a través do departamento de Benestar Social, vai desenvolver un programa de atención sicolóxica aos familiares de enfermos de alzheimer. Para iso vai asinar un convenio coa asociación que agrupa aos familiares dos afectados por esta doenza en Galicia.

O programa ten con finalidade mellorar a calidade de vida dos familiares e dos enfermos de alzheimer e ofrecer un servicio regulado de información e atención a este colectivo. O servicio orientará ás familias en canto aos pasos a seguir para obter un diagnóstico correcto, sobre a evolución da enfermidade, os recursos sociais dispoñibles e os aspectos legais. Tamén se tentará, a través deste programa, darlle ás familias unhas pautas de actuación respecto á persoa enferma e xestionarlles axudas públicas ás que puideran optar.

Ademais do programa de atención sicolóxica, o Concello colaborará coa asociación apoiando campañas divulgativas do problema social que supón o alzheimer e realizando cursos de formación para coidadores voluntarios deste tipo de enfermos.

Programa buco-dental para pacientes de Cedro

A Comisión de Goberno do Concello de Vigo aprobou un programa buco-dental destinado a pacientes do Centro Municipal de Atención a Drogodependentes. O Concello concederá axudas económicas aos enfermos para que poidan facer fronte aos gastos derivados do arranxo dentario non cuberto polo sistema público sanitario.

Os problemas bucodentais teñen unha incidencia especial nas persoas que tiveron un consumo prolongado de substancias sicoactivas. Estes problemas afectan á integración deste colectivo e son frecuentemente unha causa de baixa autoestima. Ademáis, nos pacientes seropositivos as infeccións bucais reducen o nivel de eficacia dos tratamentos aplicados. Esas son as razón que levan ao Concello de Vigo a desenvolver o programa de axudas descrito.