Escoitar

Solicitaráselle información á Xunta de Galicia sobre o plan previsto para atallar a situación actual da sanidade

luns, 29 xul 2002
O Pleno da Corporación aprobou solicitarlle á Xunta de Galicia que informe de xeito urxente e público da situación real e actual sobre o número de persoas existentes nas listas de agarda de primeiras consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, sobre os criterios utilizados para a súa clasificación e os planos para afrontar esta grave situación, así como os recursos previstos para desenvolvelos.

Acordou tamén solicitar da Xunta de Galicia o desenvolvemento e aplicación con carácter inmediato das recomendacións da Comisión de Expertos do Consello Interterritorial de Sanidade para ‘Desenvolver un Sistema de Información sobre as listas de agarda cirúrxica’, que contempla, entre outras medidas, a necesidade de garantir a equidade no acceso da cidadanía aos procedementos diagnósticos e de tratamento: o desenvolvemento de Planos Estratéxicos nas Comunidades Autónomas para afrontar listas: e unha información periódica (cada seis meses), que lle garanta á cidadanía un exercicio real e efectivo dos seus dereitos, coa implicación e colaboración de organismos e entidades representativas da cidadanía en calquera dos seus ámbitos sociais.

Taxa Tobin

A Corporación municipal decidiu, por unanimidade, apoiar o establecemento dunha taxa sobre as transaccións especulativas nos mercados de divisas, tipo “taxa Tobin”, como primeiro paso para a introducción de mecanismos democráticos de regulación e control dos mercados do sistema financeiro: sempre coa finalidade de conseguir unha orde económica internacional baseada na equidade e a seguridade.

Trasladarase este acordo á Mesa do Parlamento de Galicia, ao Goberno da Xunta e ao Goberno español para que realicen accións encamiñadas á implantación dos mecanismos citados.

Solicitarase da Presidencia da Unión Europea a axilización dos debates e trámites comezados polo Consello de Ministros de Finanzas da UE (ECOFIN) relativos ao informe que a Comisión Europea debe entregar sobre “vantaxes e inconvintes da creación dun imposto sobre as transaccións financieiras, incluido o imposto Tobin” co fin de avanzar na súa implantación real.


Seguros de autotaxi

O Concello de Vigo dirixirá un escrito urxente á Dirección General de Seguros y Planes de Pensiones, dependente do Ministerio de Economía, e á Consellería de Economía e Facenda para que adopten as medidas necesarias coas compañías aseguradoras para garantir o acceso dos titulares de licencia autotaxi a unha póliza de seguros e a un prezo razoable.


Selo e billete de lotería coas Illas Cíes

Solicitaráselle á Fábrica Nacional de Moeda e Timbre que acuñe unha serie conmemorativa dun selo e dun billete de lotería nos que se grave a silueta das Illas Cíes, cun lema alusivo á súa declaración como Parque Nacional.


Homenaxe ó pintor Xabier Pousa

O Pleno aprobou, por aclamación, a moción presentada verbo do recoñecemento público e agradecemento do Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” ó desinteresado labor do artista Xabier Pousa Carrera a favor do ennobrecemento e mantemento da dignidade da colección e honorable institución galega do Museo.


Homenaxe á ETEA

Aprobouse a preparación desde o Concello, coas consultas pertinentes ás autoridades da Mariña, dunha grande homenaxe cidadá á ETEA.