Escoitar

Renóvase o convenio coa Fundación Secretariado General Gitano

venres, 19 xul 2002
imx1683.jpg
Acto de sinatura
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández, asinou un novo convenio de colaboración co presidente da Fundación Secretariado General Gitano, Pedro Puente Fernández, que lle dará continuidade ás accións dirixidas á loita contra as graves dificultades de integración laboral da poboación xitana no marco dun programa europeo.

A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego con esta sinatura achega 30.000 euros para o desenvolvemento de actuacións en Vigo do Programa Operativo Plurirrexional 2000-2006. Este plan realízao a Fundación Secretariado General Gitano en 29 municipios de 13 comunidades autónomas.

A Fundación Secretariado General Gitano xestiona no Concello de Vigo un dispositivo que atende a poboación xitana que habita no municipio e na súa área influencia -ó redor de 1.050 persoas segundo o censo de Caritas- coa finalidade da acollida, orientación, acompañamento e acceso deste colectivo á formación e ó emprego. Os beneficiarios destas actuacións son persoas xitanas novas, desempregadas e en situación de exclusión social, con especial relevancia nos mozos e mozas de entre 16 e 25 anos.

A colaboración prevista neste acordo versará especialmente sobre as materias de formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso ó emprego, accións de sensibilización dirixidas a empresarios e entes públicos e estudios e metodoloxía a aplicar ós programas.

Segundo establece o convenio, unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes de cada unha das partes asinantes, velará pola adecuada coordinación e cumprimento dos compromisos e obxectivos do texto. O Concello de Vigo con estas actuacións pretende xogar un papel vertebrador que facilite o acceso ó mercado de traballo en igualdade de oportunidades, incidindo na necesaria cooperación con tódolos axentes que están implicados no fomento do emprego.
Descargar todas as imaxes