Escoitar
Ao longo do presente ano, teñen participado 2355 escolares de 13 centros escolares da nosa cidade, pertencentes a 130 aulas de educación infantil e primaria

A Concellería de Educación culmina con grande éxito de participación a "Mostra Itinerante 2011"

A "Mostra Itinerante 2011", iniciativa didáctica municipal que promove o Servizo Municipal de Educación en colaboración co artista vigués Mingos Teixeira, remata unha nova edición este mércores 9 de novembro no Ceip García Barbón, na procura de seguir contribuíndo a desenvolver a creatividade no alumnado de educación infantil e primaria, a través do achegamento a arte no propio contexto escolar.

mércores, 9 nov 2011
132084529421.jpg
Esta proposta educativa concretou a dinamización da MOSTRA ITINERANTE 2011, especialmente pensada para o seu uso didáctico, nos propios centros de ensino solicitantes, coa finalidade de traballar a aprendizaxe da comunicación visual e a súa expresión plástica como ferramenta interdisciplinar. A Mostra posibilitou que todos os sectores da comunidade educativa tiveran un contacto directo coas obras de arte e os seus creadores, e unha participación activa nas visitas guiadas e conferencias impartidas por persoal cualificado no eido artístico-educativo, que se programaron para o seu coñecemento.

A Mostra Itinerante 2011, amosou en distintos soportes físicos como cabaletes e peanas diversas pinturas, fotografías, gravados e esculturas de 22 creadores de recoñecido prestixio da nosa cidade, por un periodo de 10 días atendendo a un calendario de aplicación previamente consensuado cos 13 centros de ensino participantes.

Artistas emblemáticos da nosa cultura e tan recoñecidos como Laxeiro, Barreiro ou Xavier Pousa, mistúranse con xóvenes valores á vangarda dos novos movementos pictóricos, como poden ser Amelia Palacios ou Colin Baldwin. Ademáis, a Mostra busca premeditadamente facer un percorrido progresivo dende o máis figurativo ate o máis abstracto, a través das diferentes técnicas artísticas existentes.

Esta variedade permite aos alumnos ter unha primeira toma de contacto co fascinante mundo da arte dende un punto de vista moi amplo, e aos monitores ensinarlles as diferentes técnicas e formas de creación artística cun bo numero de exemplos prácticos.

En definitiva, unha actividade que acerca a arte aos propios centros de ensino, e que foi acollida entre a comunidade escolar cunha excelente aceptación e interés, tanto polos profesores, como polos pais e nais dos máis de 2.300 escolares que este ano puideron disfrutar nas súas propias aulas da maxia da arte.
Descargar todas as imaxes