Escoitar

Máis do 80% dos vigueses considera necesarias as actividades de fomento do uso da lingua galega

martes, 25 xuñ 2002
imx1593.jpg
Vaamonde, Corbalán e Sánchez
A revisión do último estudio sociolingüístico sobre a situación do galego no Concello de Vigo servirá para afinar nas políticas de promoción do uso do idioma. O avance dos resultados deste inquérito revela que o 12% dos entrevistados cambiou a usar máis o galego, fronte o 7% que mudou a empregar máis o castelán.

A concelleira de Normalización Lingüística, Carmen Corbalán, presentou o informe preliminar deste estudio que permitirá abrir o debate na cidadanía sobre os usos da lingua. Realizáronse 1.450 entrevistas co obxectivo de comparar os usos lingüísticos dos vigueses cos de hai catro anos. O 75% dos entrevistados cre que o nivel de uso do galego en Vigo é insuficiente e máis dun 80% considera necesarias as actividades de fomento do uso da lingua, cunha valoración positiva do traballo do Concello neste ámbito.

Os responsables deste estudio son Antonio Vaamonde Liste, Patricio Sánchez Bello, Anxo Lorenzo, Ricardo Lucaces Pazos e Luz Varela Caruncho da Universidade de Vigo, coa colaboración de Marta Souto, do Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

O traballo estructúrase en catro apartados, igual có do ano 98: lingua inicial e competencia en lingua galega, lingua habitual e frecuencia de uso, usos lingüísticos específicos e, por último, actitudes e opinións lingüísticas.


LINGUA INICIAL E COMPETENCIA EN LINGUA GALEGA

* Lingua na que aprendemos a falar: un aumento nas porcentaxes en case 4 puntos no caso do galego (1998, 18,4% : 2002, 22%), baixando o castelán (48,3% fronte ao 47% actual) e tamén nas persoas que aprenderon a falar nas dúas (32,25% fronte o 31%).

* No caso das competencias compróbase con claridade influencia do ensino de galego, diminuíndo as dificultades na lectura e na escrita: así fronte a 22,1% do 98, só o 13,7% di ter moitas dificultades para escribir en galego. Por outro lado baixa en 10 puntos a porcentaxe que no ano 1998 dicía non ter realizado nunca aprendizaxe formal.


LINGUA HABITUAL E FRECUENCIA DE USO

* Respecto á lingua habitual, aumenta a porcentaxe das persoas que se declaran monolingües, en galego (1998, 11,8%: 2002, 14,3%). Mentres que diminúen as que din empregar máis castelán que galego (do 37,7% ao 32,4%).

* Os datos dan conta da ruptura da transmisión interxeneracional do galego: nas persoas entrevistadas a suma de uso máis en galego que en castelán e só en galego é 32,2%, namentres que no caso dos avós é 63,3%.

Non obstante subiu en 5 puntos o grupo de persoas que pasaron a usar máis o galego (12%) fronte ás que pasaron a usar máis castelán (7%).

* Verbo da frecuencia, sobe o grupo que usa máis a lingua galega (1998, 48,1%: 2002, 55,7%) e, significativamente, descende en case 7 puntos o grupo que di non usala nunca.

ACTITUDES E OPINIÓNS LINGÜÍSTICAS

* A boa valoración sobre o coñecemento do galego reflíctese no estudio en datos coma estes: no 1998 o 61,7% cría moi ou bastante importante mellorar o coñecemento persoal do galego: na actualidade, iso créeo o 68,6%. Fronte a isto un 31,4% (37,2 no 98) di que non lle interesa mellorar o seu grao de coñecemento.

* Aumenta case 5 puntos os e as que cren que o nivel de uso do galego en Vigo é insuficiente (75,1% fronte 70,4% no 98) mentres que se mantén, 49%, a porcentaxe dos que pensan que é insuficiente en Galicia.

* Máis dun 80% segue mantendo que son necesarias as actividades de fomento do uso da lingua galega.

* En certos ámbitos como a Universidade, xulgados, conferencias, actos relixiosos... subiu ata 10 puntos a demanda do uso do galego. O ascenso máis significativo prodúcese na prensa diaria: case en 17 puntos aumentou a demanda de información cotiá escrita en galego (41,1%, 24,5%,no 98).

* No ensino aumenta a demanda só en galego (do 6,8% no 98 ao 9,1% actual) e só en castelán (4,4% no 98 e 6,3% actualmente).

* Tocante á esixencia do galego para traballar na administración aumentaron considerablemente as porcentaxes: no caso da Xunta dun 77,3% ao 85,4% no Concello do 77,5% ao 85,9%, na administración do Estado de 67,4% ao 81%).

A cidadanía valora o traballo do Concello a prol da nosa lingua, subindo a porcentaxe dos que manifestan que alcalde, concelleiros e concelleiras deben facer uso só do galego do 49% ao 53%.
Descargar todas as imaxes