Escoitar

Xesus López anuncia que a programación do Auditorio Municipal medra cos programas "Vigo en danza" e "Raizames"

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este martes a continuación do programa estable de artes escénicas do Auditorio Municipal para os vindeiros meses. O nacionalista anunciou que a nova programación iníciase o venres, coa obra "Hamlet, por poner un ejemplo", e abarca "todas as artes escénicas, ademais de outras actividades como cine, teatro, danza e música".

martes, 1 feb 2011
1296566603Auditorio.JPG
Xesus López explicou que se manteñen programas xa iniciados, como "Con T de Teatro", que se desdobra na versión infantil "con t minúscula", e tamén se poñen en marcha programas novos. Entre as novidades o concelleiro destacou "Vigo en danza" e "Raizames", que recollerá músicas de distintas partes do mundo, e que terán lugar unha vez ao mes.

O programa "Con T de Teatro" desenvolverase os venres ás 21 horas e as entradas terán un prezo de 7 euros. Xesus López indicou que hai un abono para todas as funcións de febreiro e marzo, cun desconto do 25% sobre o prezo total. Entre a programación destacou a actuación do 18 de febreiro, a cargo da compañía Inversa Teatro, que contará con música composta por Berrogüeto. Respecto ás actuacións para público infanti, o concelleiro salientou que os días 5 e 6 de febreiro, ás 18 horas, a compañía Mamá Cabra en colaboración coa editorial Galaxia representará "Ola, ola, ola!". Para asistir poden recollerse as entradas gratuítas na taquilla dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Xa dentro do programa "con t minúsculo", o domingos 13 de febreiro Berrobambán interpretará a obra "Bicharada". O prezo será de 3 euros para os menores de 12 anos e 5 euros para os maiores.

O programa "Vigo en danza" ábrese o 17 de febreiro, ás 20.30 horas, co espectáculo "Sonosilente" a cargo do Studiodanza e baseado no cine mudo dos anos vinte. O prezo das entradas é de 5 euros. Do 11 ao 20 de marzo terá lugar o Alt 2011, que inclúe actuación de compañías da máis variada procedencia e celebrará a maior parte das súas actuacións no Auditorio Municipal.

En canto á programación musical, o concelleiro de Cultura sinalou que inclúe actuacións "moi variadas". Entre elas destacou no mes de febreiro o concerto Moxenas Musical Galego, que terá lugar o día 12 ás 21 horas; a actuación do cantautor norteamericano Mark Kozelek o día 19 ás 21 horas; o concerto de música clásica que se celebrará en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Vigo o 24 de febreiro; e o día 26 o concerto Inside The Wall, en homenaxe ao disco de Pink Floid. Xa no mes de marzo, Xesus López comentou que os días 2 e 30 de marzo terá lugar a actuación da orquestra Vigo 430; o 3 de marzo actuará Najwa Nimri e o 26 de marzo o grupo Eladio y Los Seres Queridos presentarán seu novo disco "Están ustedes unidos", incluído ao mercar a entrada, que terá un prezo de 10 euros.

A programación completa pódese consultar na web www.vigo.cultura.org e as entradas para os espectáculos poden mercarse na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.

En resposta aos medios, o concelleiro nacionalista subliñou que o Auditorio Municipal "nunca tivo unha programación continua e estable senón que se cedía o espazo". Porén, asegurou que "nós pensabamos que era necesario ter un espazo deste tamaño para ter unha programación estable". Respecto a inclusión do cine no programa, explicou que debido a instalación da dotación necesaria, será dende finais de marzo cando todos os luns estarán reservados para o cine, en colaboración co Cineclube Lumiére.
Descargar todas as imaxes