Escoitar

Xesus López presenta o programa Vigo Folk, no que se dá cabida ao son, raíces e danzas tradicionais

O programa Vigo Folk comezará mañá, día 5 de agosto, coa actuación do gaiteiro vigués Álvaro Costas&Hot Band na Praza de Compostela (22:30 horas), segundo anunciou hoxe o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López. Na presentación do programa tamén participaron o presidente da Asociación Cultural Interfolc, Emilio Sotelino; e o director da escola Municipal de Danza, Wenceslao Cabezas del Toro, Polo.

mércores, 4 ago 2010
1280927847folk.JPG
O concelleiro nacionalista explicou que no momento da facer a programación da Semana Grande había unha intención de "utilizar espazos emblemáticos da cidade para a realización de programas diferentes, para cubrir un amplo abano de gustos, de forma que a xente poida ir paseando e quedarse no lugar que mellor se axuste ás súas preferencias".

Desta forma, para o programa Vigo Folk o lugar onde se recollen a maior parte das actuacións é a Praza de Compostela, aínda que tamén haberá actuacións polos barrios e parroquias, así como animación na rúa polo centro da cidade.

Xesus López destacou o traballo da Asociación Cultural Interfolc, e en concreto de Sotelino e Polo, "teño que felicitalos polo grandísimo traballo que realizan ao longo de todo o ano no campo do folclore", dixo ao respecto.

Vigo Folk comezará coa actuación de Álvaro Costas&Hot Band (día 5 de agosto, 22:30 horas). Álvaro Costas representa á nova fornada de gaiteiros galegos e chega acompañado pola Hot Band, formada por 4 músicos dirixidos pola batería Suso Costas. Sen dúbida acadan un son cosmopolita, que nos presenta a súa nova visión do folk celta-galego. Eles son enerxía, forza e frescura.

Ese mesmo día, comezará o Festival Folclórico Internacional, que traerá aos grupos internacionais Sol (Arxentina), Tent (Serbia), Chemida (Canarias) e Yunist (Ucraína), que actuarán tanto na Praza de Compostela, como en barrios ou no centro da cidade.

Emilio Sotelino agradeceu a estreita colaboración do Concello de Vigo na posta en marcha deste proxecto que "nos permite traer a grandes grupos internacionais e coñecer a súa cultura, tradicións, raza e os seus desexos de prosperar na súa vida".

Pola súa banda, Polo falou sobre a XX Mostra do Traxe Tradicional Galego, que se celebrará o día 7 de agosto na Praza de Compostela (22:30 horas), que este ano presentará 29 modelos de todo o país. Entre as novidades da presente edición destacan os traxes de Danza de Hío, Darbo, Aldán e Guláns.

Na mostra participarán tamén a Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional do Concello de Vigo e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, que é o decano dos coros galegos e medalla de ouro de Galicia.

Programación Vigo Folk

Día 5
21: 30 h: YUNIST e TENT. San Miguel de Oia.
22:30 h: ÁLVARO COSTAS&HOT BAND. Praza de Compostela.

Día 6
12:00 h: YUNIST. Travesas.
12:00 h: SOL. Náutico.
21:30 h: YUNIST e CHEMIDA. AFTV San Andrés de Comesaña.
22:30h: FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL: TENT, SOL, CORISCO, LEMBRANZAS GALEGAS e COLEXIATA DO SAR. Praza de Compostela.

Día 7
12:00 h: TENT. Rúa Príncipe.
12:00 h: CHEMIDA. Rúa peonil Calvario.
21:30 h: YUNIST e TENT. AVCU Beade.
22:30 h: XX Mostra do traxe tradicional. Praza de Compostela.

Día 8
12:00 h: SOL. Praza da Constitución.
12:00 h: Recepción oficial do concelleiro aos grupos participantes no Festival Folclórico Internacional: actuacións TENT, SOL, YUNIST e CHEMIDA. Praza de Compostela.
22:30 h: FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL: YUNIST, CHEMIDA, ESCOLA MUNICIPAL DE DANZA e FROLES NOVAS. Praza de Compostela.

Día 9
12:00 h: TENT. Praza da Constitución.
12:00 h: CHEMIDA. Rúa Príncipe.
21:30 h: SOL e CHEMIDA. SRD Atlántida de Matamá.

Día 10
12:00 h: SOL. Bouzas.
21:30 h: YUNIST, TENT, SOL e CHEMIDA. Centro veciñal Valadares.
Descargar todas as imaxes