Escoitar

Tenencia de Alcaldía impulsa o coro e orquestra xuvenís para contribuír á formación musical dos mozos e mozas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este mércores a creación dun coro e orquestra xuvenís, que integran o proxecto Xovigo. Segundo destacou na presentación da iniciativa, na que tamén colabora a Asociación Galega de Música Atlantic Musik, o obxectivo de Xovigo é "contribuir á formación artística e académica no eido musical e artístico da mocidade viguesa" e avanzou que tras a selección de integrantes e os ensaios pertinentes, o coro e a orquestra poderán realizar a súa primeira actuación en primavera de 2011.

mércores, 4 ago 2010
1280928199orquestra.JPG
Santi Domínguez destacou que co impulso desta iniciativa, Tenencia de Alcaldía quere lograr que un maior número de mozos e mozas teñan a oportunidade de gozar coas diferentes opcións musicais que se desenvolven en Vigo e Galiza. Ao seu xuízo, os directores convidados para poñer en marcha o coro e a orquestra, "garanten o éxito do proxecto".

Neste sentido indicou que o coro terá como director musical e artístico a Oscar Villar, actual director da coral Casablanca. Respecto á orquestra, explicou que o seu director artístico será Roberto Relova, ex director do Conservatorio Superior de Música e "vencellado dende hai anos á vida musical de Vigo", mentres que o director musical será Diego Rodríguez.

No tocante ás probas de selección para participar en Xovigo, o tenente de alcalde indicou que o proxecto está destinado a persoas con idade comprendida entre 15 e 25 anos. As probas para participar no coro comezarán en setembro e segundo resaltou o nacionalista, non é preciso ter formación musical ou vocal previas. Para formar parte da orquestra, pola súa banda, as probas serán en decembro, de forma que os ensaios podan comezar a principios do vindeiro ano e a primeira actuación do coro e a orquestra no mes de marzo de 2011.

Santi Domínguez tamén fixo fincapé en que os aspirantes admitidos non recibirán retribución pola súa participación no coro ou na orquestra, pero terán ao seu alcance cursos de formación, master class e obradoiros impartidos por especialistas.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, destacou na súa intevención que na Tenencia de Alcaldía e nas áreas do BNG "temos moi claro" que o principal obxectivo consiste en traballar para a xente. Respecto á Concellería de Cultura dixo que esa idea pasa por que os vigueses e viguesas "sexan protagonistas do mundo cultural da cidade".

Xesus López explicou que un dos problemas detectados dende a Concellería de Cultura é precisamente o de "fornecer de xente nova o mundo das corais", polo que asegurou que é "un acerto" poñer en marcha o proxecto Xovigo. "Os nomes das persoas que dirixirán o coro e a orquestra son garante de éxito", afirmou.

O director artístico da orquestra, Roberto Relova, agradeceu a Santi Domínguez e Xesus López o seu traballo pola revitalización cultural e a recuperación histórica da cidade. Ao seu xuízo Vigo é "capital musical" de Galiza, e ao respecto mencionou a tradición que existe de corais, bandas e orquestras, á que este proxecto dará continuidade. Salientou o carácter educativo do proxecto, polo que considerou que "non quitará espazo" ao resto das bandas e corais existentes en Vigo.

Lembrou que xa cando Santi Domínguez foi concelleiro de Cultura "falaba da creación dun coro xuvenil", polo que hoxe expresou os seus parabéns pola posta en marcha de Xovigo. "É histórico que o Concello de Vigo patrocine este proxecto", salientou Roberto Relova.

Respecto ao director convidado do coro, Oscar Villar, Relova afirmou que foi quen de reconstruir un dos coros "máis envidiables", como é a coral Casablanca. Sobre Diego Rodríguez, director musical da orquestra, explicou que o vindeiro ano será o director asistente do Teatro Real de Madrid. "Tiñamos que traer a Vigo a unha persoa galega e implicada coa súa cultura", destacou.

Oscar Villar sumouse aos agradecementos á Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Cultura expresados por Relova. Engadiu que este proxecto trata da "formación de voces novas para que coñezan a droga que é a música coral". Recoñeceu que lle fai "moita ilusión" que esta idea teña boa acollida entre a xente moza.

As inscricións para participar poderán realizarse a partir de mañá mesmo, 5 de agosto, a través do correo electrónico asociacionatlanticmusik@gmail.com, e ademais dos datos persoais, as persoas interesadas teñen que especificar en que modalidade queren participar.
Descargar todas as imaxes