Escoitar

Xabier Alonso destaca que o Campionato de España de Atletismo do sábado amosa a aposta polas probas en pista

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este venres o Campionato de España por Autonomías de Atletismo, que se celebrará nas pistas de atletismo de Balaídos o sábado, 26 de xuño, en horario de mañá e tarde. O nacionalista destacou que esta competición se suma ás distintas iniciativas postas en marcha para recuperar o atletismo en pista de alto nivel, xa que grazas a colaboración de Concello e Federación Galega de Atletismo foi posible executar parte da remodelación demandada polos deportistas.

xoves, 24 xuñ 2010
1277384222Campionato.JPG
"Como concelleiro de Deportes teño a obriga de dar apoio a todas as disciplinas deportivas, pero considero ao atletismo como un deporte transversal e básico para preparar outras disciplinas", salientou Xabier Alonso. A presentación do campionato tamén contou coa participación do secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o vicepresidente da Federación Galega e responsable da Delegación viguesa, Eleuterio García.

Respecto ao Campionato de España que se celebrará o sábado en Vigo, o concelleiro de Deportes destacou que supón tamén un espello no que reflectirse para os deportistas máis novos. Neste sentido fixo mención expresa aos competidores galegos que participarán no torneo, como Pedro Nimo, Manuel Penas e Gustavo Dacal na categoría masculina, e Catuxa Casal, Sara Portabales e Sandra Mosquera na feminina.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, explicou que no Campionato de España por Autonomías participarán as oito mellores seleccións absolutas e que entre elas a galega ten "solvencia suficientemente acreditada para non pasar apuros". Destacou, ademais, que a imaxe que se vai transmitir de Vigo será "moi positiva", xa que asegurou que non se pode entender o atletismo sen a súa relación con esta cidade, "unha das canteiras de grandes atletas, xuíces e clubs".
Descargar todas as imaxes