Escoitar

Xesús López destaca que o festival Vigo Transforma permitirá que Vigo se visualice como a "capital cultural" da eurorrexión

O concelleiro de Cultura, Xesus López, asegurou este venres, na presentación do festival Vigo Transforma, que se celebrará do 2 ao 10 de xullo, que cumpre cos requisitos necesarios para que os vigueses viguesas gocemos dun grande evento. Asemade, o nacionalista salientou que posibilitará que fóra de Vigo "se nos visualice como a capital cultural da eurorrexión".

venres, 21 mai 2010
"Dende a Concellería de Cultura, como no resto das área coordinadas pola Tenencia de Alcaldía, consideramos indispensable seguir traballando para afondar na proxección exterior da cidade", afirmou Xesus López. Dixo que neste obxectivo se enmarca o Vigo Tranforma, da man do Xacobeo 2010, un evento musical aberto a diversas disciplinas artísticas , quese desenvolverá no contorno urbano da cidade.

A primeira edición do festival acollerá dende o 2 de xullo e ata o remate o día 10 a iniciativa Vasos Comunicantes. Trátase dun proxecto coordinado polo artista galego afincado en Londres Isaac Cordal, que encherá espazos significativos da cidade con diferentes traballos de arte, ciencia e tecnoloxía, para facer partícipe á cidadanía mediante propostas chamativas.

A programación musical inaugurarase o xoves 8 de xullo no Teatro Caixanova coa presentación do espectáculo audiovisual ‘Room’, de Standstill. A partir do 9 de xullo o programa trasládase ao peirao de Transatlánticos, con dous escenarios situados un fronte ao outro, e polos que pasará unha selección destacada do panorama musical actual. O venres, no escenario Xacobeo estarán Devendra Banhart, The XX, Love of Lesbian e Miike Snow; mentres que polo Escenario Heineken pasarán Triángulo de Amor Bizarro, Jeff Tweedy (líder de Wilco), Fanfarlo e Os Mutantes.
O sábado día 10 o escenario Xacobeo acollerá os concertos de Elodio y los Seres Queridos, The Morning Benders e Caino (Arkestra) & Zinqin Visuals. No escenario Heineken estarán Polock, The Divine Comedy, Delafé y las Flores Azules e Fisherspooner.