Escoitar

O Rally Rías Baixas supera os problemas iniciais e como novidade terá na Porta do Sol a saída dos 67 equipos

O Rally Rías Baixas reunirá este ano a 67 equipos entre os que están os catro millores pilotos clasificados no Campionato de España. O tenente de alcalde sinalou hoxe na presentación da proba, que sendo este un dato moi relevante, "a mellor noticia que hoxe podemos dar é que un ano máis estamos presentando o Rally". O nacionalista facía así referencia aos momentos de incerteza que hai uns meses se viviron sobre a continuidade da proba.

venres, 21 mai 2010
1274446451Rally.JPG
Santi Domínguez explicou que tanto desde a Tenencia de Alcaldía como desde a Concellería de Deportes "tiñamos claro que baixo ningún concepto podía desaparecer o Rally Rías Baixas", do que salientou que é a mellor proba do Campionato de España segundo recoñece a Federación Española de Automovilismo. Asegurou que "fixemos todo o que puidemos para que non desaparecera de Vigo". O nacionalista lembrou que ao longo dos tres últimos anos se ten incrementando o orzamento e adiantou que "vai continuar tendo a nosa axuda".

O tenente de alcalde fixo fincapé en que, logo de 46 anos de celebración, é unha proba que reúne todos os obxectivos que desde o Concello se priman. Así indicou que é unha proba consolidada no calendario deportivo, dunha gran calidade deportiva e organizativa, cun grande respaldo popular, cunha repercusión moi significativa na promoción da cidade e tamén cun retorno económico importante.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes incidiu tamén no esforzo realizado para manter este ano o Rally e adiantou o seu compromiso para seguir aportando os recursos necesarios para a súa contiunidade. Xabier Alonso salientou tamén o gran respaldo popular que ten a proba, que reúne a máis de 60.000 persoas ao longo de todo o percorrido.

A gran novidade deste ano é que a Porta do Sol será o lugar no que se celebrará a saída dos 67 pilotos participantes o venres 28 de maio e tamén onde se fará a entrega de trofeos o sábado. Os organizadores diseñaron un percorrido pechado que abrangue tamén a rúa do Príncipe.
Descargar todas as imaxes