Escoitar

ProVigo definirá en xaneiro o seu plan estratéxico para "posicionar a Vigo en Galicia e España"

O alcalde, Abel Caballero, informou este martes da reunión do padroado de ProVigo, que debatiu o novo plan estratéxico da entidade ata 2020 contando coas novas infraestruturas que estarán rematadas en 2012. O obxectivo é que "Vigo deixe de ser a gran descoñecida de España". A reunión desta mañá inicia "unha nova etapa" en ProVigo, que aprobou un orzamento de 311.000 euros para 2010.

martes, 29 dec 2009
1262094697alcalde.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este martes que a Fundación ProVigo definirá en xaneiro o seu plan estratéxico co obxectivo de "posicionar a Vigo en Galicia e España".

Así o indicou en rolda de prensa despois da reunión do padroado celebrada na mañá deste martes, un encontro celebrado en Caixanova como "feito simbólico" o mesmo día que a Xunta de Galicia debate no Parlamento a nova lei de caixas.

A finalidade desta "reflexión estratéxica" pasa por "reforzar e reorientar" a laboura da Fundación, unha vez concluida unha etapa, contando xa coa actividade e as novas infraestruturas que estean rematadas en 2012 e cun horizonte temporal válido ata 2020. Unha comisión formada polo Concello, Caixanova, a Cámara de Comercio e a CEP -á que tamén serán invitadas a Consellería de Industria e a Deputación de Pontevedra- concretará en xaneiro esta idea.

O alcalde incidiu na importancia de dun "posicionamento de cidade en toda España" para que "Vigo deixe de ser a gran descoñecida", para o que citáronse varias ideas: Vigo é o primeiro porto de pesca do mundo, alberga a segunda factoría de automoción de Europa en tamaño, é líder en Europa no sector privado naval, etc.

Abel Caballero avogou asemade por que os 100 integrantes que forman parte da Fundación ProVigo tomen parte activa nas decisións da entidade, e non só o Comité Executivo; a intención é que ésta convírtase nun "cónclave" no que todos poidan participar, para o que celebraranse reunións con maior periodicidade.

Esta "nova etapa" de ProVigo inicia a súa andaina en 2010 cun orzamento aprobado hoxe martes de 311.000 euros, válidos para determinar o funcionamento e as pautas que deben encamiñar a traxectoria da Fundación no seu novo plan estratéxico e constitución da mesma como un "foro de reflexión cidadá", concluiu o alcalde.
Descargar todas as imaxes