Escoitar

O Concello cederá á Asociación de Veciños de Alcabre a antiga casa rectoral

xoves, 18 abr 2002
O alcalde, Lois Castrillo, anunciou a cesión da antiga casa rectoral de Alcabre á Asociación de Veciños da parroquia para que a utilice como centro socio-cultural. O anuncio fíxoo durante unha visita ao edificio acompañado pola directiva da asociación e un grupo de veciños.

O Concello conseguiu a propiedade da vella casa rectoral trala sinatura dun convenio co Bispado de Tui-Vigo. Agora asinará outro convenio coa Asociación de Veciños de Alcabre para poñer á súa disposición este inmoble. Os veciños utilizarán unha subvención municipal para acondicionalo e convertelo nun local social e cultural.

A rehabilitación da casa rectoral forma parte do conxunto de medidas impulsadas polo Concello para rexenerar o litoral de Alcabre. Entre elas está a construcción dun paseo que atravesará os terreos da finca Sensat, recentemente recuperada polo Concello para uso público. O proxecto deste paseo está a ser redactado polo Ministerio e Medio Ambiente a partir dun anteproxecto elaborado polo arquitecto César Portela a instancias do Concello.