Escoitar

Castrillo inaugura a Feira da Construcción do Atlántico

xoves, 21 mar 2002
O alcalde, Lois Castrillo, inaugurou a quinta edición da Feira da Construcción do Atlántico que permanecerá aberta no recinto feiral de Cotogrande ata o domingo 24 de marzo. Esta feira, integrada por preto de 250 expositores, conta tamén coa celebración de xornadas técnicas e coa entrega de premios do concurso escolar ”Facendo Historia”.


Discuso do alcalde na inauguración

A área de Vigo principia a súa andaina polo século XXI convertida no gran motor económico de Galicia. Sobre este punto non hai contestación porque todos os datos sobre producción industrial e volume de transaccións económicas o reflicten con absoluta claridade. Malia que a economía mundial está nestes momentos atravesando un ciclo baixo, a nosa cidade segue experimentando unha evolución positiva que se traduce en todos indicadores.

Un deses indicadores, o que hoxe quero salientar, é o da actividade constructiva. O pasado ano batéronse en Vigo cifras record no número de licencias de obra outorgadas e no volume económico de obra presupostada. Isto é un espello do pulo da cidade.

Se volvemos á inversa a sentencia anterior podemos afirmar que o sector da construcción tamén está a contribuir a ese auxe económico de Vigo e a súa área. As empresas da construcción continuaron creando emprego en Vigo nos últimos anos. Un sete por cento da poboación traballadora da bisbarra desenvolve o seu labor neste sector.

A positiva evolución destes indicadores foi posible, entre outras razóns, gracias ao fructífero labor desenvolvido polo goberno municipal nos últimos dous anos para poñer solo edificable no mercado e para impulsar novas infraestructuras e equipamentos.

Quizais un dos exemplos máis representativos dese traballo sexa o Polígono de Navia, desenvolvido da man coa Consellería de Política Territorial. Acabamos de conceder as primeiras licencias para a construcción das catro mil vivendas previstas no que será a máis grande área de crecemento da cidade nos próximos anos. Outro exemplo paradigmático é o Parque Tecnolóxico e Loxístico, infraestructura longo tempo paralizada e que hoxe é xa unha realidade.

Son duas mostras dun intenso labor realizado para desenvolver o planeamento secundario da cidade e que pronto terá outros fitos como o Plan Especial de Bouzas ou a prolongación de Rosalía de Castro. Salientable é tamén o notable aumento da cifra de investimentos recollida nos orzamentos municipais deste ano, incremento que se traducirá en máis obra pública na cidade.

Vigo busca o seu sitio entre as grandes metrópoles do Atlántico europeo e a súa forza está xa sendo percibida por moitas firmas comerciais que procuran a súa instalación na cidade e por entidades culturais e sociais que buscan establecerse entre nós. Todo iso contribúe a estimular a rehabilitación de edificios nobles de Vigo, un proceso que tamén está a recibir o impulso do goberno municipal e que nunca antes acadou tan altos niveis de execución.

Este panorama fai, se cabe, moito máis interesante a Feira de Construcción do Atlántico, un certame que xa se fixo un lugar entre os máis importantes do estado no seu sector. Esa proxección, labrada en edicións anteriores, é imputable ao saber facer dos organizadores e tamén a que o Ifevi lles ofrece o mellor escenario posible para desenvolver este tipo de citas profesionais.

A Feira da Construcción volverá ser este ano lugar de encontro para os profesionais do sector de toda a Eurorrexión. De novo atoparán aquí unha completa visión das últimas innovacións tecnolóxicas aplicadas ao ámbito da construcción e terán a oportunidade de ampliar os seus coñecementos técnicos a través das xornadas que sempre complementan o certame facéndoo aínda máis atractivo.

MTC, a Feira da Construcción do Atlántico é, reitero, un dos eventos feirais máis importantes do estado no sector. É un certame plenamente consolidado no calendario do Ifevi e que demostra a puxanza económica de Vigo e a súa área de influencia.

Noraboa aos organizadores e gracias a todos e todas pola súa asistencia.