Escoitar

Normalización lingüística edita un número de ”Falamos” con información sobre a exposición de Quessada en Vigo

mércores, 20 mar 2002
imx1220.jpg
Boletín
O Servicio de Normalización Lingüística editou o número 6 do boletín ”Falamos”. Literatura, arte, informática, deporte, natureza e historia son algúns dos temas tratados nesta publicación correspondente á primavera.

”Un conto de tres noites”, ”Santos e defuntos” e ”O ladrón de esperma” son os libros reseñados na sección Que ver, que ler. Gómez Alén asina unha reportaxe sobre a exposición de Xaime Quessada en Vigo cun percorrido pola súa traxectoria artística acompañado de ilustracións dalgunhas das súas pinturas máis coñecidas.

Actividades do Concello destinadas a fomentar o uso do galego entre a mocidade a través do deporte co programa ”Xogas?, en galego podemos”, de informática co ”Ciberlingua” e os obradoiros de lecer ”Máis alá” son algunhas das ofertas que se propoñen.

Outros temas tratados son os comedores escolares, a peonalización do Barrio Histórico, o Portal dos Cidadáns e a microtoponimia viguesa. Dáse conta tamén da nova etapa da política xuvenil emprendida polo Concello de Vigo cunha ampla reportaxe sobre as actuacións que se van emprender de cara a ofrecerlles alternativas de ocio e lecer ós rapaces. Ademais, na sección ”Onde ir, que facer” aparece unha proposta de paseo pola ribeira no Lagares, trala recuperación do río e das súas marxes, por un sendeiro de máis de dous quilómetros dende o parque de Castrelos á avenida de Madrid.

Outro dos apartados de interese é o dos actos conmemorativos da Festa da Reconquista 2002 e as citas en maio das actividades que se van desenvolver en torno ó Día das Letras Galegas.

Descargar todas as imaxes