Escoitar

Clases maxistrais de Fred Frith e Nils Wogram

O Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons" programa cada ano clases maxistrais que, por un lado, contribúen á experiencia formativa de músicos e afeccionados e, por outro, supoñen un excepcional achegamento entre artistas de sólida traxectoria con aquelas persoas que desexan afondar nos segredos do jazz e da improvisación. Na quinta edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons as clases maxistrais serán impartidas por Fred Frith, o martes 30 de xuño, e polo trombonista Nils Wogram, o sábado 4 de xullo. A inscrición nestas sesións, que se desenvolverán no Conservatorio Superior de Música de Vigo de 11h a 13.30h, é gratuíta e podes facela premendo aquí http://www.imaxinasons.com/gl/inscricion

xoves, 11 xuñ 2009
1244724970fred2.JPG
Fred Frith
Un dos encargados de impartir a master class da quinta edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons é o mestre da improvisación e guitarrista británico Fred Frith. Un luxo para todos aqueles músicos e afeccionados que queiran ter un tête-à-tête cun dos nomes senlleiros da música de vangarda. Tivemos a oportunidade de achegarnos á personalidade musical de Fred Frith en constante procura de novas sonoridades a través do documental Step Across the Border ( Nicolas Humbert, Werner Penzel, 1990), -proxectado na pasada edición do festival- que en 2000 foi escollido polos críticos da revista Cahiers du Cinema como un dos cen mellores filmes da historia. O documental retrata a este músico inclasificable, que deixou Europa a finais dos anos setenta despois dunha década como parte de Henry Cow, grupo vangardista onde ademais da guitarra tocaba o violín, o baixo, o piano e o xilófono. Tras chegar a Nova York, Frith intégrase na escena local do downtown con outros inclasificables como John Zorn ou Tom Cora. A discografía de Frith é inabarcable, xa que aparece nos créditos de máis de catrocentos discos sexa como solista, en banda ou en colaboración. Nesta edición de Imaxina Sons Fred Frith, ademais de impartir a master class, dirixe a Orquestra de Música Espontánea de Galicia e únese á Lucia Recio nunha experiencia artística chea de xogo e de indagación, de poesía e de ruído.

Pola súa parte, o músico alemán Nils Wogram, nacido en 1972, é unha das xóvenes e reputadas figuras do jazz europeo e nesta edición de 2009 de Imaxina Sons –participou na primeira co seu grupo Root 70- integra a formación de Lucas Niggli cun concerto o sábado 4 de xullo no Teatro Salesianos. En diferentes formacións, Nils Wogram participou nos máis importantes festivais europeos e con Root 70 xirou por todo o mundo. A súa actividade discográfica nos últimos tempos tamén é intensa: en 2008 gravaba con Root 70 o cuarto disco desta formación, titulado On 52nd 1/4 street, un directo con arume a Nova Orleans, e recentemente, neste mesmo ano, editaba coa banda Lush o disco Pretty Good News (Unit Records). Nils Wogram consegue que o trombón soe dun xeito non contemplado até agora no mundo do jazz, ese é o seu selo e o que provoca que crítica e público sigan de perto a súa traxectoria desde hai máis de dez anos. Da súa técnica brillante e versatilidade, así como dun certo gusto vintage que se pode apreciar nas súas gravacións, serán testemuñas directas aquelas persoas que participen da clase maxistral do trombonista.
Descargar todas as imaxes