Escoitar

O alcalde e a Confraría acordan trasladar á farola de Urzáiz a ofrenda floral da procesión do Cristo da Victoria

Abel Caballero e a Confraría do Cristo da Victoria acordaron este mércores que o percorrido habitual da procesión do Cristo deste ano remate na esquina de Príncipe coa rúa Colón, debido ás melloras na Porta do Sol. Ademais, instalarase no exterior da Colexiata unha gran pantalla para que os fieis que non poidan acceder ao recinto sigan desde fóra a celebración relixiosa.

mércores, 10 xuñ 2009
1244638376procesion.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ultimou este mércores coa Confraría do Cristo da Victoria o percorrido da procesión para este ano, que unicamente cambiará o seu trazado habitual na ofrenda floral, que trasládase da Porta do Sol -en obras de humanización- á farola de Urzáiz, na esquina de Colón coa rúa do Príncipe.

Segundo informou o alcalde ao remate da reunión, os traballos de humanización na cidade apenas inciden no percorrido habitual, co que a procesión sairá da Colexiata á rúa Real, continuará ata o Berbés, Cánovas del Castillo e Montero Ríos para subir por Concepción Arenal e a rúa Colón, onde terá lugar a ofrenda á altura de Príncipe.

Abel Caballero indicou que o maior desnivel da rúa Colón con respecto á Porta do Sol permitirá aos fieis un mellor seguemento dos actos finais da procesión do Cristo da Victoria, que terá lugar como cada ano o primeiro domingo de agosto.

Por outra banda, o alcalde e a Confraría decidiron asemade a instalación dunha "gran pantalla" no exterior da Colexiata, segundo afirmou Abel Caballero, co obxecto de que aqueles fieis que non poidan acceder ao recinto sigan as celebracións relixiosas desde fóra do mesmo.
Descargar todas as imaxes