Escoitar

Tráfico instala 20 novas bandas redutoras de velocidade, sumando un total de 80 nas rúas viguesas

O departamento municipal de Mobilidade, Transporte e Seguridade que dirixe Xulio Calviño xa dispuxo en Vigo dun total de 80 bandas redutoras da velocidade, as últimas 20 instaladas no pasado mes de maio. Ademais, a Concellería habilitou o pasado mes unha decena de novos pasos de peóns, que ampliaranse en próximas datas.

luns, 8 xuñ 2009
A Concellería de Mobilidade, Transporte e Seguridade que dirixe Xulio Calviño instalou durante o pasado mes de maio 20 novas bandas redutoras de velocidade nas estradas viguesas, co que a cidade olívica suma un total de 80 na actualidade.

O departamento municipal priorizou nos últimos 20 redutores de velocidade as zonas proximas a pasos de peóns e lugares de afluencia de xente, como centros educativos, seguindo cos criterios habituais de disposición das bandas da Concellería de Mobilidade.

Unha decena de rúas acollen desde este mes os novos redutores, son a rúa Canteiros nas proximidades da igrexa e do Centro Cultural; Marina Española e Ponte Sagede en pasos de peóns; Alcalde Lavadores, Cabalaira e Ramiro Pascual nas proximidades aos colexios; Moledo no Paseo do Río; Areeiro-Sampaio, nas proximidades dun cruce perigoso; e en Garrida Valadares e no Monte Calvario e a igrexa de Bembrive.

Novos pasos de peóns
A Concellería de Mobilidade, Transporte e Seguridade dispuxo no pasado mes de maio dunha decena de novos pasos de peóns na cidade, aos que sumaranse nas próximas datas catro máis.

Durante o pasado mes, o departamento de Xulio Calviño instalou pasos nas rúas Ecuador, Porriño, Vizcaia, Extremadura, Numancia, Cabalaria, Canteiros, Colombia, Felipe Prosperi, García Lorca e Martínez Garrido, este último regulado por semáforo. A Concellería xa deu a orde para habilitar novos en Hernán Cortés, Carme, Pastora e Fontáns.

Xunto aos novos instalados, Tráfico tamén está a levar a cabo o repintado da sinalización horizontal que o precisa, no pasado mes, en Areal, Carral Teixugueiras e Jenaro de la Fuente.

A Concellería que dirixe Xulio Calviño tamén habilitou novos espazos de aparcamento para discapacitados nas rúas Hispanidade e en Ponte da Veiga, e procedeu ao repintado dos presentes na rúa Faisán e no parque infantil do Castro.