Escoitar

O Porto salda a súa débeda co Concello polo servicio de abastecemento de augas

martes, 20 nov 2001
imx810.jpg
Pedrosa, Castrillo e González
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o presidente da Autoridade Portuaria, Julio Pedrosa, asinaron un convenio polo que este organismo se compromete a saldar a súa débeda co Concello polo impago do servicio de abastecemento e saneamento de augas dende o ano 1992.

A Autoridade Portuaria pagaralle ao Concello 627.585.567 pesetas, a metade nos próximos 10 días e o resto antes do 30 de marzo de 2002.

O convenio establece tamén a fórmula que se empregará de agora en diante para calcular as cantidades que debe satisfacer a Autoridade Portuaria por este servicio. Utilizarase o sistema de “bloques de consumo” que supón un menor impacto económico para os usuarios do porto ca aplicación da “tarifa progresiva”.

Outra das cláusulas do convenio recolle o compromiso da Autoridade Portuaria de adaptar toda a súa rede de abastecemento e saneamento ás normativas municipais, autonómica e estatal. Para iso ten un prazo de 4 anos, periodo no que debe producirse a conexión á rede municipal de saneamento de todas as empresas establecidas en territorio portuario.

O alcalde sinalou que a sinatura deste convenio é o reflexo da vontade política de chegar a acordos demostrada polo Concello e o porto. Lois Castrillo dixo que con este convenio gañan as empresas afectadas, o porto e a cidade. Julio Pedrosa comentou a súa satisfacción por chegar a este acordo que pon fin a un contencioso que cualificou como técnico-xurídico.

O concelleiro de Vías e Obras, Uxío González, aproveitou a sinatura do convenio para anunciar que Cangas tamén satisfará este ano a súa débeda co Concello de Vigo polo impago do subministro de auga. Esa débeda avalíase en 115 millóns de pesetas.
Descargar todas as imaxes