Escoitar

Escolares de Vigo redactan un manifesto pola tolerancia e a diversidade

martes, 20 nov 2001
imx808.jpg
Pleno infantil
A Concellería de Benestar Social, con motivo do Día Internacional dos Nenos e das Nenas, organizou o terceiro Pleno infantil. Rapaces de 11 centros escolares entregáronlle ó alcalde, Lois Castrillo, un manifesto pola tolerancia e a diversidade cos puntos defendidos polos seus representantes.

O Auditorio municipal converteuse nunha sesión plenaria presidida por Alejandro López Pereira, do CEIP Canicouba-Castrelos. Nenos de San Salvador de Teis, Santa Tegra, Virxe do Rocío, Doblada, Pombal, Doutor Fleming, Escultor Acuña, Fonteoscura, Altamar, Canicouba-Castrelos e Javier Sensat formaron parte da Corporación infantil.

Trala sinatura da acta anterior, os ex-concelleiros deron paso á actual Corporación infantil que defendeu nesta sesión os puntos propostos para incluír no documento final.

”Debemos ter as mesmas oportunidades aínda que sexamos brancos ou negros, todos somos persoas cos mesmos dereitos e cada un debe estar orgulloso da súa raza”, expón unha das propostas aprobadas. Outro dos puntos solicita que tódolos gobernos do mundo se preocupen da educación dos seus rapaces.

A creación de ONG´s escolares para que os nenos poidan axudar á integración das persoas con problemas e a loita para rexeitar calquera discriminación, cunha actitude aberta e solidaria cos desfavorecidos para conseguir unha sociedade máis xusta, foron outras das propostas que posteriormente se incluíron no documento.

Descargar todas as imaxes