Declaración institucional do Concello de Vigo ante o asasinato de José María Lidón
Deitámonos onte coa noticia dun atentado fracasado no seu obxectivo mortal e que rematou coa detención de dous terroristas. Hoxe espertamos coa funesta noticia de que a banda criminal mataba a traizón a un maxistrado en Euskadi. Os pequenos triunfos da liberdade vense escurecidos pola dor que causa o fanatismo máis irracional.
O asasinato de hoxe demóstranos que non podemos baixar a garda. A unión de todos e todas fronte ao terrorismo é o mellor instrumento para combatelo. A experiencia ensínanos que é un proceso longo, cheo de momentos amargos, que esixe firmeza e unidade e que podemos afrontar porque a razón está da nosa parte.
Esa comuñón na defensa dos dereitos humanos, da liberdade e da democracia reúnenos hoxe aquí. Xuntos expresamos a nosa dor pola morte dun servidor público, o maxistrado José María Lidón, víctima da senrazón terrorista. O noso sentimento de solidariedade está nestes momentos coa súa familia e os seus compañeiros, os que máis directamente sofren a súa perda.
O asasinato de José María Lidón é un ataque frontal ao estado de dereito. Esta concentración, como as outras que se desenvolven por todo o Estado, representan a vontade do conxunto da sociedade por defendelo.