Escoitar

A Corporación aproba inicialmente a ordenanza reguladora da convivencia e do ocio

Este luns, o Pleno da Corporación aprobou -coa abstención da oposición- a ordenanza que regulará a convivencia cidadá e o ocio en Vigo, polo que se crearán zonas protexidas para rematar co chamado botellón "cando altere gravemente a pacífica convivencia cidadá", explicou Xulio Calviño. Os primeiros ámbitos a protexer serán Loriga, o Berbés e Teófilo Llorente.

luns, 29 dec 2008
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns inicialmente, e coa abstención da oposición, a ordenanza reguladora da convivencia cidadá e o ocio no termo municipal de Vigo; unha normativa que pasará agora a exposición pública para ser ratificada definitivamente e poida entrar en vigor no mes de marzo.

O concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, explicou que as administracións locais deben defender o descanso dos cidadáns e evitar comportamentos incívicos; polo que a ordenanza actuará onde exista permanencia e concentración de xente consumindo bebidas de calquera tipo "cando se altere gravemente a pacífica convivencia cidadá".

Para elo, indicou Calviño, a Xunta de Goberno Local declarará zonas protexidas en cada caso concreto cando altere a convivencia, e se comezará por Joaquín Loriga, o Berbés e Teófilo Llorente. Nas zonas declaradas protexidas se instalará sinalización horizontal informativa.

Xulio Calviño afirmou asemade que o goberno local asegura a realización de campañas informativas e actividades lúdico-culturais alternativas para a xuventude. A ordenanza, que contempla sancións que oscilan entre os 300 e os 3.000 euros, é unha ferramenta "crucial", salientou o edil, pois proporciona mecanismos para seguir a evolución do fenómeno e "permitirá mellorar a convivencia e as actividades saudables", subliñou Calviño.

Por outra banda, a Corporación aprobou varias mocións presentadas polo grupo municipal do PP. Entre outras, ínstase ao Goberno Municipal a que esixa á Xunta de Galicia unha mellora das listas de espera e da Sanidade Pública da cidade para que se poida dar un bó servizo á cidadanía viguesa; así como a elaboración e aplicación de programas asistencias especialmente dirixidos aos nenos con problemas de saúde mental. Tamén aprobouse instar ao goberno municipal a reforzar a sinalización actual dos pasos de peóns con todos os medios posibles.

O pleno do Concello acordou instar aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que, con carácter de urxencia, aproben a proposición de modificación da Lei orgánica 5/85, do rexime electoral xeral para a homoxeneización do procedemento de voto das persoas residentes no exterior co resto da cidadanía.