Escoitar

O alcalde anuncia que tentará manter o acordo con Miraflores S.A. para que non se execute o seu dereito a construír na Bouza

xoves, 11 out 2001
O alcalde, Lois Castrillo, anunciou, trala reunión do Consello da Xerencia, que tentará manter o compromiso da promotora Miraflores S.A. de non construír na Bouza nos próximos seis meses, tempo que utilizará o Concello para presentarlle unha oferta de permuta dos terreos que esa entidade posúe na Bouza por outros de propiedade municipal.

A pasada semana o Consello aprobara un precontrato con Miraflores S.A. no que se establecía o devandito compromiso. Unha das cláusulas dese documento sinalaba que o Concello se comprometía a facer un recoñecemento expreso das licencias solicitadas no prazo dunha semana, tendo en conta que a empresa promotora ten xa o dereito para construír os edificios porque se axustan á lei e contan cos correspondentes informes favorables. O recoñecemento das licencias non se produciu ao votar en contra a maioría dos membros do Consello da Xerencia.

Ante esa circunstancia e o risco de que Miraflores S.A. queira exercer o seu dereito a construír nas parcelas da Bouza, o alcalde vai manter negociacións coa empresa, co obxectivo de que acceda manter o acordo que se acadara previamente.



Aprobado o estudio de detalle ”Grades”, en San Miguel de Oia

O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou hoxe de forma inicial o Estudio de Detalle da Unidade de Actuación 8 Grades. Con esta figura de planeamento permitirase a construcción de 47 vivendas unifamiliares nun ámbito de 17 mil metros cadrados da parroquia de S. Miguel de Oia. O Estudio de Detalle prevé unha superficie de zona verde de 1.712 m2.

O Consello da Xerencia tamén aprobou outro Estudio de Detalle na estrada de Camposancos, na parroquia de S. Andrés de Comesaña. Con esta figura ordénase unha área de máis de 7.000 metros cadrados situada trala gasolineira de S. Andrés. Alí establécese unha superficie de 3.800 m2 para uso industrial e resérvanse 3.500 m2 para zona verde.