Escoitar

Cine, obradoiros e deportes para as Noites Vivas da fin de semana

mércores, 10 out 2001
O programa Noites Vivas das concellerías de Xuventude e Deportes continúa coas actividades para esta fin de semana, con festivo incluído, en máis de dez centros espallados por toda a cidade.

Para comezar, este xoves día 11 realizaranse actividades deportivas e permanecerá aberto o bar con xogos de mesa e espacio ciber en Abertal. A película “Dead´s man curve” dará pé ó cine forum no Cine Box da Praza Elíptica.

Durante a noite do venres 12 poderase participar, sen inscrición previa, en diferentes obradoiros e actividades. Os pavillón de Teis e Coia, asociacións xuvenís e veciñais (Abertal, Vila de Bouzas, Beade, Doutor Fleming) o Centro Xuvenil Municipal, Praza Elíptica, Clube Slot permanecerán abertos en horario nocturno para ofertarlle á mocidade obradoiros artesanais, deportes e xogos de mesa, cine, bailes... e unha noite solidaria con café e contos.

Para os cibernautas entrou en funcionamento o programa Noites Vivas na rede, promovido dende O Castro para as noites dos venres e os sábados e que xa conta con cibers colaboradores na cidade dende os que se pode acceder. Para máis información pódese consultar a páxina web: www.cibercastro.org

O sábado 13 a oferta esténdese principalmente ó Pavillón do Berbés, Campo de Fútbol de Travesas, ás asociacións veciñais de Lavadores e Vila de Bouzas, asociación Abertal e ó Centro Xuvenil Municipal, con novos obradoiros e actividades deportivas, cine, baile e Internet. Para os que queiran darse un chapuzón e facer deporte ó mesmo tempo poden practicar acuaróbic na piscina de Teis.

Para máis información pódense recoller folletos coa programación completa en calqueira dos puntos onde se realizan actividades e na Casa da Xuventude. Tamén se pode chamar ó 986 294 806 ou consultar a páxina web do CIBERCASTRO