Escoitar

Inaugurada a exposición ”A cultura das abellas”

martes, 9 out 2001
imx655.jpg
Carme Corbalán na mostra
A concelleira de Patrimonio Histórico, Carme Martínez-Corbalán, realizou unha visita guiada á exposición ”A cultura das abellas” que amosa a flora, as construccións apícolas, as características do oficio, o procesado do mel e bibliografía sobre o tema. A mostra permanecerá aberta ata o 14 de outubro no local da Federación ”Eduardo Chao” da praza da Princesa.

Os visitantes poderán coñecer os trebellos, útiles e ferramentas dos antigos abelleiros, realizar un percorrido histórico polas distintas colmeas que existen en Galicia, observar a varroa, un pequeno ácaro parasito das abellas, ou descubrir unha colonia de abellas en vivo a través da colmea de observación de cristal.

Os obradoiros tradicionais

A Concellería de Patrimonio Histórico, a través do Centro de Artesanía Tradicional, súmase a esta actividade debido ó valor etnográfico do oficio de abelleiro. O CAT desenvolverá talleres-obradoiros na rúa do 12 ó 14 de outubro durante a celebración da feira de mel artesá organizada pola Asociación Galega de Apicultura na praza da Princesa.

O venres, 12 de outubro, ás 17:00, elaborarase unha pinga de mel. Un abelleiro realizará unha extracción de mel, que reproduce unha melería típica de calquera pequeno productor cos equipos necesarios (extractor, madurador, desoperculador...)

O sábado, 13 de outubro, ás 17:00, un vello artesán, dos poucos que aínda quedan en Galicia, construirá unha colmea tradicional ou cortizo. Unha das variantes é o cortizo con cuberta de palla, típico do sur de Galicia e norte de Portugal.

O domingo, 14 de outubro, ás 17:00, terá lugar o obradoiro de cera de abellas. Entre os oficios de tradición pouco documentados o de cerería atópase case esquecido. O traballo de cerería chegou a ter moita importancia no alumeado ata as primeiras décadas deste século, cando foi desprazado polo gas e a electricidade. Sen embargo, o oficio non desapareceu mercede ó seu vencellamento ó culto relixioso. No obradoiro, utilizando unicamente cera de abellas, elaboraranse velas por inmersión con técnicas tradicionais.

A feira de mel artesá

Pola súa banda, a Asociación Galega de Apicultura celebrará, durante do 12 ó 14 de outubro, na praza da Princesa, unha feira de mel artesá coa que pretende relacionar directamente os productores cos consumidores. Unha pequena representación de abelleiros da comarca e outros de fóra exporán e porán á venda os seus productos, mel procedente de diferentes zonas de Galicia e producido de forma totalmente artesanal.
Descargar todas as imaxes