Escoitar

Comezan os cursos de educación viaria nos colexios coa asistencia do alcalde

martes, 9 out 2001
imx654.jpg
Medio cento de colexios de Vigo solicitáronlle xa ao Concello que se imparta nas súas aulas o Curso de Educación Viaria organizado polo Departamento municipal de Seguridade, Circulación e Transportes. O primeiro centro onde se desenvolven estas clases é o de Mosteiro, en Bembrive. Alí estivo hoxe o alcalde, Lois Castrillo, animando aos rapaces e rapazas a levar á súa vida diaria as ensinanzas que están a recibir.

No Curso de Educación Viaria explícaselles aos nenos de 6 a 15 anos as normas de circulación, como deben comportarse cando viaxan en coche ou bicicleta e tamén cando se desprazan a pé pola rúa. O Concello editou uns libros ilustrados con debuxos nos que, ademais de recollerse de forma amena todos estes contidos, danse recomendacións sobre normas de conducta en espacios públicos ou para previr accidentes de todo tipo. Os libros, uns 15.000, distribuiranse entre todos os alumnos do curso. As clases son impartidas por varios axentes da policía local.

No primeiro día de clases de educación viaria no colexio Mosteiro, o alcalde explicoulles aos alumnos os problemas que causa o uso abusivo do coche particular nas cidades. Tamén chamou a atención dos rapaces e rapazas sobre a necesidade de observar as normas de circulación para evitar accidentes e convidounos a instar aos seus pais e nais a seren respectuosos co código de circulación. Lois Castrillo afirmou que a mellor maneira de conseguir unha cidade máis habitable e agradable no futuro é educar para iso ás novas xeracións.
Descargar todas as imaxes