Escoitar

A Policía local renova o seu parque móbil

luns, 8 out 2001
O Concello de Vigo acaba de adquirir novos vehículos para a Policía local seguindo a súa política de modernizar os medios cos que conta este corpo de seguridade. O Departamento de Tráfico e Seguridade renova o seu parque móbil con tres novos coches patrulla avaliados en 10 millóns e medio de pesetas: con 6 motos de 500 centímetros cúbicos que custarán 9 millóns de pesetas: e cun novo vehículo de atestados completamento equipado que suporá un desembolso de 4.750.000 pesetas.

Ademais, o Concello adquiriu 60 pistolas semiautomáticas de 9 milímetros por 5 millóns de pesetas. As armas mercadas son do mesmo tipo que as utilizadas por outros corpos de seguridade do Estado como a Ertzainza, os Moços de Escuadra ou a Policía local de Madrid. Esta compra permitirá que os axentes da Policía local de Vigo conten co armamento regulamentario marcado pola recentemente aprobada Lei de Coordenación das Policías locais da Xunta de Galicia. En próximos exercicios continuarase co proceso de renovación de armas da Policía local para substituír os revólveres que se viñan usando ata agora.


Subvencións da Concellería da Muller

A Comisión de Goberno aprobou a concesión de subvencións convocadas pola Concellería da Muller. As beneficiarias son 53 asociacións da nosa cidade que durante este ano organizaron actividades dirixidas a fomentar o asociacionismo feminino, a promocionar a igualdade entre homes e mulleres ou a loitar contra a violencia de xénero. Entre todas estas asociacións repartiranse 12 millóns de pesetas.


Subvencións para actividades culturais

Tamén se aprobou a concesión de subvencións do Concello para actividades culturais. Neste caso son 22.145.000 pesetas as que se distribúen entre 64 asociacións que organizaron durante este ano algunha actividade cultural.