Escoitar

Cinco especialistas participarán nas xornadas sobre sexualidade feminina

xoves, 11 out 2001
imx662.jpg
A concelleira de Muller, Ana Gandón, presentou as IX Xornadas das Mulleres Veciñais de Vigo que se celebrarán, do 16 ó 18 de outubro na sala de conferencias do Centro Cultural Caixanova, co lema ”A sexual-idade feminina, unha conta pendente”.

”Estas xornadas son froito dun traballo continuado durante nove anos que serviron para a súa consolidación e conversión nun punto de referencia para o debate sobre a sexualidade feminina”, explicou a concelleira. A representante da Vocalía da Muller da Federación ”Eduardo Chao”, Rosa Fontaíña, manifestou que se pretende ”que a muller fale libremente de sexualidade para o seu disfrute e, á vez, que sexa unha boa comunicadora do tema cos seus fillos”.

Catro especialistas impartirán os obradoiros programados nos que, en anteriores edicións, participaron arredor de 700 mulleres. As relatoras serán Mercedes Oliveira Malvar, doutora en Filosofía e profesora no I.B. Alexandre Bóveda: Rosa Millán García, da Escola de Mulleres Simone de Beauvoir: Lidia Gómez Valverde, psicoanalista especializada en traballo con mulleres e Celsa Perdiz Álvarez, profesora na Universidade de Vigo e traballadora do Centro de Orientación Familiar de Ourense.

A inscrición pode realizarse na oficina da Concellería de Muller, nos locais das asociacións veciñais e colectivos de mulleres ou no local da Federación ”Eduardo Chao”. Para acudir á cea de clausura das xornadas, que se celebrará o venres 19 de outubro no hotel Coia, tamén é preciso anotarse.
Descargar todas as imaxes