Escoitar

O Concello repartirá 500 unidades didácticas en centros escolares vigueses para fomentar a igualdade<br /> <br />

O Concello de Vigo repartirá 500 unidades didácticas en diversos centros de ensino da cidade co obxectivo de facilitar ao profesorados ferramentas coas que profundizar na igualdade entre nenos e nenas, segundo anunciou este mércores a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso.

mércores, 1 out 2008
1222866146didactica.jpg
A edil explicou que esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa asociación Implicadas/os no Desenvolvemento, pretende axudar ao profesorado de 3º e 4º da ESO a traballar aspectos relacionados co xénero, a interculturalidade e a situación sociocultural de Tamil Nadu, na India.

Iolanda Veloso salientou que Implicadas/os no Desenvolvemento se centra no traballo coas mulleres para promover a súa autonomía "proporcionando ferramentas para que poidan cambiar a súa vida e o seu contorno". Neste sentido, indicou que a unidade didáctica elaborada por esta entidade proporciona un amplo material ao profesorado para que poida traballar nos diferentes temas propostos dun xeito dinámico. Segundo sinalou a concelleira nacionalista, a proposta inclúe exemplos de situacións similares de mulleres de diferentes culturas, como pode ser no tocante a roupa e o papel que xoga a saia en occidente e o sari na India.

A escritora María Reimóndez, pola súa banda, explicou que a unidade didáctica que se repartirá nos centros educativos está baseada nun libro no que se recollen textos de autoras galegas e tamiles nos que se poñen en dúbida diversos estereotipos relacionados coas mulleres. Segundo a representante de Implicadas/os no Desenvolvemento, que desenvolve o seu traballo intercultural coa India e Etiopía, os obxectivos da unidade didáctica inclúen achegarse á literatura feita dende outras culturas, entender os problemas derivados do xénero cun enfoque global, desmitificar algúns aspectos existentes sobre a India e provocar unha reflexión crítica sobre as diferenzas por causa do xénero.
Descargar todas as imaxes