Escoitar

O alcalde convoca o CES para analizar os investimentos do Estado en Vigo

luns, 1 out 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, convocou unha xuntanza do Consello Económico e Social para analizar os investimentos en Vigo que o Goberno central incluiu no seu proxecto de presupostos para o ano 2002. A Comisión de Goberno do Concello vigués debateu hoxe ese documento e manifestou a súa sorpresa e preocupación ante a cativa consignación económica prevista para os proxectos de infraestructuras comprometidos na cidade.

O concelleiro de Facenda e Urbanismo, Xavier Toba, dixo que os 3 millóns de euros que o Ministerio de Fomento prevé investir o vindeiro ano no segundo cinto de circunvalación non garanten a execución inmediata desa obra tal e como se comprometera o ministro. Toba clarexou que o Concello xa aprobou o trazado do cinto tal e como lle esixira o Ministerio, polo que agora é o momento de que se licite o proxecto e comece a obra.

O alcalde agarda que da reunión de mañá do CES saia un pronunciamento respecto á necesidade de que o Ministerio de Fomento acometa con urxencia a construcción das infraestructuras que máis demanda a cidade: segundo cinto e modernización do aeroporto.