Escoitar

O alcalde destaca que nun ano "todas as grandes demandas da cidade están en marcha"

Abel Caballero fixo balance do primeiro ano do goberno local, cumprido este luns, repasando "con feitos" a marcha da cidade. O alcalde salientou a aprobación do Plan Xeral e dos orzamentos como "feitos históricos para Vigo", e subliñou que nestes 12 meses se "desatascaron" os "compromisos da cidade", como o Auditorio, a Alta Velocidade, as autovías, o aeroporto, o porto, a Biblioteca estatal, a Cidade do Mar, o Novo Hospital, a depuradora, as humanizacións e os aparcadoiros, entre outros.

luns, 16 xuñ 2008
1213619777balancealcaldia02.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polos concelleiros socialistas da Corporación, repasou este luns "os feitos" que permitiron que "todas as grandes demandas da cidade estean en marcha" no primeiro ano de goberno cumprido hoxe, 16 de xuño.

Ante representantes das distintas entidades e forzas sociais, sindicais e económicas de Vigo, o alcalde debullou os principais fitos dos seus 12 meses como mandatario municipal baixo o título "Vigo. Un ano cumprindo".

"Fitos históricos para a cidade"
Abel Caballero salientou os "fitos históricos para a cidade" da aprobación do Plan Xeral, "probablemente o máis importante que se fixo na cidade en moitos anos", "elemento central dun novo Vigo con vivenda protexida"; e os orzamentos de 2008, "os máis elevados da historia de Vigo", que foi "a primeira das grandes cidades españolas en aprobalo", e co "compromiso social" de incluír reducións fiscais aos máis desfavorecidos.

O alcalde subliñou na presentación os "20 millóns de euros" que se destinaron a humanizacións nestes 12 meses "polos 14 millóns dos últimos catro anos", no que predominou o "obxectivo central do goberno de atender aos barrios e parroquias da cidade e non só ao centro".

"Grandes compromisos desatascados"
Ademais, o rexedor citou outros "grandes compromisos da cidade desatascados" como o Auditorio, no que a concesionaria, o arquitecto e o Concello traballaron "conxuntamente" para "desatascar un proxecto ilusionante" que se inaugurará o primeiro día de 2011, segundo explicou Abel Caballero.

A Alta Velocidade tamén foi repasada polo alcalde: a conexión coa meseta e co eixo atlántico A Coruña-Oporto, a entrada soterrada cun túnel de 9 quilómetros e a futura estación intermodal de Urzáiz. Abel Caballero nomeou asemade as autovías Vigo-Porriño e Vigo-Pontevedra, a gran rotonda de Peinador que estará resolta "en poucos meses" e a ampliación da ponte de Rande, na que as negociacións entre o Ministerio de Fomento e a empresa concesionaria Audasa están "moi avanzadas". O alcalde rematou coas infraestruturas repasando o Plan Íntegra da Consellaría de Política Territorial para Vigo, que completará o primeiro cinto vigués en túnel, e "dará unha nova dimensión ao estadio de Balaídos" coa entrada á Citroën en superficie, no final de Portanet.

Peinador, "eixo central da cidade" se converterá nun "novo aeroporto en Vigo", que amplía en 2,5 veces a superficie da actual terminal. O mandatario local citou tamén as obras do aparcadoiro e a nova pista de rodadura.

No tocante ao Porto de Vigo, Abel Caballero subliñou o desenvolvemento dos plans Nouvel e Beiramar, e o túnel de Beiramar, "tamén desatascado", que o alcalde agarda poder conectar co futuro Auditorio, no que considera que sería "o cambio máis importante na historia da cidade".
O alcalde enumerou a Biblioteca Estatal, comprometida polo Ministro de Xustiza; a Cidade do Mar, coa recuperación para a cidadanía dos espazos da ETEA e as instalacións deportivas, e a posta en marcha do complexo investigador; os Centros de Saúde de Navia e Bouzas, en proceso de tramitación; e o Novo Hospital de Vigo, do que "esta semana" se presentará o proxecto, adiantou o rexedor.

O alcalde falou tamén da depuradora, da que "en non máis dunha semana se farán públicas as alternativas" para o proxecto, e que será "a mellor técnicamente posible" e sen "atender a limitacións orzamentarias".

En setembro de 2007 se aprobou, informou Caballero, a construción de 6 novos aparcadoiros da cidade, dos que catro xa están en obras e os outros dous comezarán no próximo 2009, xa que se están a realizar as catas arqueolóxicas previas.

No tocante ao medioambiente, a recuperación de Cambón e o futuro paseo peonil de A Guía centraron a atención do alcalde, quen tamén se referiu a que "por primeira vez na historia da cidade" non se están a conceder licenzas en Zonas Acústicamente Saturadas (ZAS).

As novas liñas de Vitrasa a o Hospital Meixoeiro, a Citroën e ao Parque Tecnolóxico, que comezou este luns, foron destacadas no balance de goberno, xunto coas negociacións coa Xunta de Galicia para instaurar o transporte metropolitano. Ademais do transporte público, a mobilidade ocupou un espazo relevante na presentación, destacando a eliminación do tráfico pesado polo centro da cidade, a instauración do carné por puntos, a nova ordenanza de carga e descarga e, no referente á seguridade, o aumento do persoal de bombeiros e da Policía Local.

A educación é importante para o goberno, segundo salientou o alcalde, polo que se destinan "8 millóns de euros ao ano" nesta materia. O inglés en especial é "dos máis importantes proxectos que estamos a desenvolver", e "case 4.000 nenos e nenas" xa participaron das actividades municipais en inglés e este verán será 100 os rapaces que viaxarán ao Reino Unido para estudar, non só o idioma, senón todas as materias en inglés.

O alcalde concluíu afirmando que "non renunciamos a ningún dos compromisos políticos" adquiridos coa cidade, e agradecendo a presenza dos invitados na presentación e a súa cooperación nestes 12 meses ao fronte do goberno municipal.
Descargar todas as imaxes