venres, 22 setembro 2017

120 estudantes marchan a Reino Unido e Irlanda coa bolsa municipal "Vigo en Inglés"

venres, 22 set 2017

O alcalde achegouse ao aeroporto este venres para desexarlles unha boa estadía no Reino Unido e en Irlanda, onde o alumnado pasará tres semanas aprendendo inglés grazas a este programa de inmersión lingüística. Son estudantes de ESO dos Colexios Barreiro, Losada e Apóstol Santiago e dos IES de Beade, do Castro, Santa Irene, Valadares, Carlos Casares e Rosais 2. Son parte dos 767 beneficiarios deste curso que, segundo Caballero, ascenderán a 850 o vindeiro ano, cun investimento de dous millóns de euros por parte do Concello.

O rexedor reúnese co Ministro Conselleiro da Embaixada Británica

venres, 22 set 2017

Abel Caballero e Tim Hemmings mantiveron un encontro institucional este venres no Concello no que intercambiaron impresións sobre a actualidade dos dous países e abordaron a situación económica e as relacións comerciais entre Vigo e o Reino Unido. O Ministro Conselleiro da Embaixada Británica é o responsable da xestión global do organismo en España con atención especial aos asuntos de política, economía e comunicación.

A Casa das Mulleres programa cinco obradoiros dende outubro a decembro

venres, 22 set 2017

A inscrición para poder participar está xa aberta ata que se cubran as prazas. A oferta inclúe un obradoiro dirixido a mulleres migrantes galegas, o curso de autoprotección para mulleres, un curso de escritura, outro de pintura e xénero e un obradoiro de sensibilización e formación en xénero e igualdade de oportunidades.