Escoitar

O goberno de Vigo autoriza a construción na Praza Elíptica dun edificio de 32 vivendas protexidas

Abel Caballero deu conta este xoves da licencia concedida á cooperativa, que presenta un orzamento de execución de 2,5 millóns para erixir un edificio de once alturas, con 32 vivendas e 45 prazas de garaxe. A parcela, entre Fernando Conde e Areosa, foi vendida polo Concello para construir vivenda de prezo taxado.

xoves, 21 set 2017
O alcalde informou este xoves da concesión desta autorización -que pasou pola sesión desta mañá do Consello da Xerencia municipal de Urbanismo-, que supón a construción dun edificio de once prantas con 32 vivendas protexidas.

Segundo explicou, a parcela era de titularidade municipal e foi posta á disposición da cidadanía para erixir pisos de protección, nun edificio que estará emprazado entre as rúas Fernando Conde e Areosa e sumará 32 vivendas, outros tantos rochos e local comercial, e 45 prazas de garaxe.

A cooperativa presentou un orzamento de execución que ascende aos 2,5 millóns de euros para unha superficie total construida de máis de 6.700 metros cadrados. Detallou Caballero que a promotora urbanizará máis de 500 metros cadrados de superficie peonil e reconstruirá dúas escaleiras que comunican a rúa Areosa coa Praza Elíptica.