Escoitar

O goberno de Vigo promove a mobilidade sostible entre o alumnado do Colexio Miralba

Abel Caballero visitou este mércores as actividades organizadas no centro no marco da Semana Europea da Mobilidade, que incluíron transporte en bici ao colexio, charlas e un curso de mobilidade e habilidade en bici, para estudantes de 6º de Primaria.

mércores, 20 set 2017
1505911529miralba3.jpg
O Concello de Vigo está a celebrar a Semana Europa da Mobilidade cunha serie de actividades que deron comezo o pasado sábado e concluirán este venres, baixo o lema "Compartir lévate máis lonxe".

O alcalde visitou este mércores o Colexio Miralba, onde o goberno vigués organizou esta mañá un programa "moi interesante" de accións encamiñadas a fomentar a mobilidade sostible entre o alumnado de 6º de Primaria. Así, e sempre supervisado por monitores e axentes da Policía Local, o transporte desde casa ao colexio -onde se estrearon os aparcabicis- fíxose en bicicleta en lugar de no autobús e os estudantes atenderon a unha charla a cargo da sección de Educación Viaria da Policía Local de Vigo.

Despois, no patio do colexio ofreceuse un curso piloto de mobilidade en bici e unha proba de habilidade na que participaron 25 alumnos e alumnas de entre once e doce anos de idade. Despois, unha quincena destes puideron gozar dunha experiencia de mobilidade na rúa, novamente supervisada por axentes e monitores, practicando o xiro na rotonda, un ceda o paso e xiro á esquerda ou a circulación por unha zona peonil.

O Concello continúa este xoves coa programación da Semana Europea da Mobilidade cunha exposición na Praza do Rei de vehículos eléctricos -desde as 11:30h- e, ás seis da tarde, cunha proba de bicicletas e coches eléctricos na Porta do Sol, onde tamén se celebrará o "Ponte no seu lugar" a cargo de COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. A oferta de accións conclúe este venres, 22 de setembro, co Día europeo sen coches.

Educación viaria
En declaracións aos medios, Abel Caballero informou que a Policía Local xa ten en marcha os cursos de educación viaria que se impartirán nun total de 178 centros educativos da cidade durante o curso escolar, chegando a case 7.000 alumnos e alumnas.

Estes cursos, engadiu o alcalde, tamén se ofrecen a mulleres embarazadas, a asociacións de veciños e a empresas que comercializan produtos para a infancia como cadeiras para os vehículos, xunto a actividades formativas no parque infantil de tráfico do Castro.
Descargar todas as imaxes