martes, 25 xaneiro 2011

Santi Domínguez levará ao vindeiro pleno o debate sobre a proposta de reforma das pensións

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe martes que o grupo municipal do BNG presentará unha moción no vindeiro pleno da corporación para debatir a proposta de reforma do sistema de pensións. O nacionalista defendeu o mantemento da idade legal de xubilación nos sesenta e cinco anos e o período para o cálculo da contía da pensión nos quince anos de cotización. O texto tamén reclama á Xunta que incremente os orzamentos para a inclusión social e, en concreto, para a Risga e as Axudas de Emerxencia Social.

Mariño reitera que "as sentenzas xudiciais son para cumprir" e mantén o calendario previsto para o derrubo dos apartahoteis de Samil

martes, 25 xan 2011

O concelleiro de Urbanismo reuníuse este martes cos propietarios do inmoble, tras o que ratificou que "as sentenzas xudiciais son para cumprir e así o facemos", polo que mantén a planificación para dar cumprimento á orde do Xulgado de derrubar os apartahoteis. Mariño indicou que a propiedade agarda unha nova resolución xudicial para esta semana que paralizaría a execución, ante o que o edil amouse "cauto" e indicou que "se chega outra notificación do xulgado, a acataremos".

Vigo aforrará un millón de euros coa administración electrónica e será o primeiro concello de España en telematizar a contratación

martes, 25 xan 2011

O concelleiro de Xestión Municipal, Carlos López Font, explicou hoxe martes que a aplicación en Vigo da diretiva de servizos está "avanzada" e permitirá aforrar un millón de euros coa xestión telemática de servizos de atención cidadá, recursos humanos e contratación. O Concello habilitará en febreiro unha plataforma virtual para presentar e resolver a contratación municipal e permitirá aos opositores obter e rexistrar toda a documentación para optar á oferta de emprego público municipal.