Escoitar

Mariño reitera que "as sentenzas xudiciais son para cumprir" e mantén o calendario previsto para o derrubo dos apartahoteis de Samil

O concelleiro de Urbanismo reuníuse este martes cos propietarios do inmoble, tras o que ratificou que "as sentenzas xudiciais son para cumprir e así o facemos", polo que mantén a planificación para dar cumprimento á orde do Xulgado de derrubar os apartahoteis. Mariño indicou que a propiedade agarda unha nova resolución xudicial para esta semana que paralizaría a execución, ante o que o edil amouse "cauto" e indicou que "se chega outra notificación do xulgado, a acataremos".

martes, 25 xan 2011
1295962334jose.jpg
O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, explicou este martes que mantéñense os prazos previstos para dar cumprimento á orde xudicial de derrubo dos apartahoteis de Samil, pois "as sentenzas xudiciais son para cumprir e así o facemos".

Mariño mantivo esta mañá unha reunión coa propiedade do inmoble, quen manifestou ter constancia dunha nova resolución xudicial que chegaría esta mesma semana e paralizaría o expediente de demolición aberto polo Concello a instancia xudicial ata que non se resolva o recurso de casación presentado polos propietarios. O edil reiterou que "se chega outra notificación do xulgado, a acataremos".

O goberno local, en tanto non exista unha orde xudicial contraria, mantén os prazos comunicados aos xuíces para cumprir a sentencia, polo que o 29 de xaneiro procederase ao corte dos suministros -auga, luz, etc- para posteriormente precintar e desaloxar o inmoble. O proxecto de demolición está xa elaborado cun custe de dous millóns de euros que serán trasladados aos propietarios, ao ser o Concello executor subsidiario da sentencia xudicial.

O concelleiro afirmou que a legalidade urbanística permite na parcela apartamentos turísticos, namentres que actualmente no Rexistro da Propiedade constan entre 80 e 90 vivendas e no censo aparecen 31 vivendas e 62 persoas censadas.

No tocante ao expediente de legalización que tramitan os propietarios, José Mariño indicou que esta mesma mañá presentaron nova documentación en Urbanismo que será estudada polos técnicos municipais para comprobar o seu axuste á normativa xurídica. O edil aseverou que a propiedade aínda non cumpre cos seis requisitos legais plantexados polo Concello de Vigo para adaptar o inmoble á legalidade -entre outros, rematar coa división horizontal- e recordou que os expedientes iniciados de legalización e o de demolición son independentes na súa tramitación e desenvolvemento.
Descargar todas as imaxes