Escoitar

Santi Domínguez visita as obras de recuperación do contorno da vila romana de Toralla e confirma o centro de interpretación

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, visitaron este luns os traballos de mellora do contorno do xacemento arqueolóxico de Toralla. O nacionalista asegurou que este traballo terá continuidade coa próxima sinatura do convenio de colaboración co Ministerio de Cultura para a construción do centro de interpretación de visitantes. Segundo explicou, o conxunto das actuación suporá un investimento total de 1,2 millóns de euros.

luns, 24 xan 2011
1295877246Toralla.JPG
"Estas actuacións poñen de manifesto o empeño da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico de recuperar espazos patrimoniais e naturais para o lecer da cidadanía", salientou Santi Domínguez tras o percorrido. Estimou que no prazo de oito meses Vigo recuperará "unha nova zona de esparexemento".

O tenente de alcalde indicou que a primeira fase dos traballos, desenvolvida en colaboración coa Xefatura Provincial de Costas, incluiu a retirada do muro e a recuperación do areal. Cambiouse tamén a saída do aliviadeiro e o rematouse a senda peonil que bordea a praia.

Respecto á segunda fase da actuación, Santi Domínguez avanzou que se actuará na vexetación, co obxectivo de recuperar o perfil da zona. Ademais, apuntou que os traballos tamén inclúen unha actuación sobre a zona que era de cemento coa achega de area e a prantación de especies arbóreas autóctonas.

O tenente de alcalde explicou que as actuacións inmediatas no propio edificio que albergará o Centro de interpretación e recepción de visitantes consistirán no reforzo da estrutura interior e o seu vaiado. "Agardamos que este ano si vaia", manifestou, en relación a que o ano pasado o Goberno do Estado non achegou a cantidade que tiña reservada para este proxecto nos seus orzamentos, tras incorporar unha emenda do BNG.

En resposta aos medios sobre o proxecto deste novo centro, adiantou que experimentará modificacións respecto ao anterior, xa que o orzamento actual é de 1 millóns de euros, mentres que no do ano pasado estaban contemplados 500.000.
"Agora imos ser máis ambiciosos, para que a xente que nos visita poida interpretar todos os xacementos que temos na cidade", salientou o tenente de alcalde. Neste sentido, o concelleiro de Patrimonio Histórico apuntou que o centro tratará fundamentalmente da riqueza "vinculada a área litoral e marítima".
Descargar todas as imaxes