Escoitar

Vigo aforrará un millón de euros coa administración electrónica e será o primeiro concello de España en telematizar a contratación

O concelleiro de Xestión Municipal, Carlos López Font, explicou hoxe martes que a aplicación en Vigo da diretiva de servizos está "avanzada" e permitirá aforrar un millón de euros coa xestión telemática de servizos de atención cidadá, recursos humanos e contratación. O Concello habilitará en febreiro unha plataforma virtual para presentar e resolver a contratación municipal e permitirá aos opositores obter e rexistrar toda a documentación para optar á oferta de emprego público municipal.

martes, 25 xan 2011
1295962299font.jpg
O concelleiro de Xestión Municipal, Carlos López Font, estimou este martes nun millón de euros ao ano o aforro municipal coa administración electrónica e adiantou que Vigo será o primeiro municipio de España en telematizar a contratación.

En rolda de prensa, Font explicou que a aplicación da diretiva de servizos está "avanzada" en Vigo e mellorará a "transparencia" na xestión municipal. No mes de febreiro xa estará dispoñible a nova plataforma virtual que permitirá ás empresas presentar as súas ofertas para obras do Concello, revisalas e coñecer a resolución municipal tras a valoración técnica da mesa de contratación.

Este novo sistema informático, pioneiro en España, será gratuito para as compañías e, a través dun código, evitará que estas teñan que rexistrar as súas ofertas en papel no Concello de Vigo e asistir á apertura de sobres para a resolución dos contratos municipais. A forma tradicional seguirá operativa, pero desde febreiro estará dispoñible a plataforma virtual. Tanto os funcionarios como os partidos políticos con representación municipal -ambos presentes nas mesas de contratación- contarán cunha clave para acceder ao programa.

A plataforma ofrece as "máximas garantías de seguridade" en certificacións ISO para as empresas que concorran á contratación municipal e suporá un aforro dun 3,75% no conxunto das licitacións, en medios materiais e persoais. Para simplificar trámites neste aspecto, o Concello está a ultimar tamén pregos de condicións tipo para os concursos.

En relación á telematización administrativa, Carlos Font avanzou que a Xunta de Goberno Local aprobará mañá mércores a adhesión do concello vigués ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para implementar no concello a administración electrónica e o Pleno da Corporación de febreiro debatirá aprobar inicialmente a ordenanza de administración electrónica que regula esta cuestión.

Xunto á contratación, a diretiva europea para "achegar a administración ao administrado", apuntou o edil, e para "simplificar trámites e aforrar en papel" tamén estase a aplicar nos departamentos de recursos humanos e atención ao cidadá.

Atención Cidadá -que comprende os servizos de información, rexistro, estatística e ingresos- implantará a xanela única para que unha única persoa poida resolver todas as xestións e rematar cos departamentos estancos. Este dispositivo será similar ao que xa opera nas webs da Seguridade Social e da Axencia Tributaria.

Recursos Humanos, por outra banda, habilitará o portal do empregado, que congregará toda a información e documentación que xera o persoal do Concello e os sindicatos, incluíndo a execución da oferta de emprego público, que permitirá que "calquera opositor poida facer todas as xestións desde a súa casa se así o desexa", anunciou o concelleiro.

Segundo explicou Font, o opositor poderá descargar a documentación necesaria para optar ao posto desexado e remitila vía Internet ao Concello de Vigo, e pagar as taxas correspondentes, telematización que poderá estar operativa ao longo deste ano, no que estase a levar adiante a oferta de emprego público correspondente a 2008.
Descargar todas as imaxes