xoves, 3 xullo 2003

Mariño instará á creación da área metropolitana

O alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, convocará de forma inmediata os membros interesados en conformar a área metropolitana, para o que será necesaria unha vontade política de cara a impulsar esta entidade intermunicipal baseada en criterios fundamentalmente socioeconómicos. Pérez Mariño tomou esta decisión no transcurso da entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

Aberto o prazo para a cea de entrega de premios Alecrín-Alacrán

xoves, 3 xul 2003

O Premio Alecrín, concedido á cantante Cristina del Valle, entregarase o 12 de xullo na Estación marítima de Vigo no transcurso dunha cea. O Premio Alacrán seralle enviado por correo á destinataria, a directora do Instituto de la Mujer. As reservas para a cea poderán facerse no teléfono 986 439 459 ata o 7 de xullo.

Cultura inaugura unha mostra de Pietro Chiaramonte

xoves, 3 xul 2003

A Concellería de Cultura organiza a exposición "Toscana Fauve" do artista italiano Pietro Chiaramonte. Os 19 óleos que representan paisaxes da Toscana, espidos e naturezas mortas poderanse ver do 4 ao 27 de xullo na Casa Galega da Cultura.

Comeza a fase final da Vigo Cup

xoves, 3 xul 2003

A Vigo Cup, o Torneo Internacional de Fútbol Base que se disputa desde o pasado luns en Vigo, entra xa na súa recta definitiva. Pecháronse os cadros de equipos que xogarán xa os oitavos de final en todas as categorías, desde benxamíns ata xuvenís.